Imprimir

MEDIO MILLEIRO DE ALUMNOS DAS CASAS DAS LÍNGUAS FESTEXARON HOXE O FIN DE CURSO


11/6/2013 O Alcalde e a Concelleira de Cultura participaron na entrega de diplomas que tivo lugar no Auditorio

 O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, participaron no acto de fin de curso das Casas das Línguas, que tivo lugar esta tarde no Auditorio Gustavo Freire.


O Alcalde eloxiou o esforzo feito na aprendizaxe doutros idiomas por todos os participantes nos cursos das Casas das Línguas e tamén destacou que o Goberno considera moi rendible o investimento económico que fai o Concello para poñer ó alcance de todos os lucenses a posibilidade de comunicarse noutras línguas da Unión Europea.

Cincocentos alumnos de todas as idades participaron este ano nos cursos de francés, alemán e inglés nas dúas Casas das Línguas que ten o Concello e hoxe festexaron o remate das clases cunha festa.

O Alcalde, a Concelleira de Cultura e os profesores dos dous centros foron os encargados da entrega dos diplomas. 

A festa de clausura do curso completouse cun espectáculo de baile, a cargo dunha das alumnas, a proxección dun vídeo da popular serie de televisión “Modern Family” doblada ó inglés por dez dos alumnos e a interpretación da canción “Set fire to the rain”, a cargo de outro grupo de vinte nenos.