Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O TSXG falla a favor do Concello de Lugo o recurso polo drástico recorte nunha subvención da Xunta para o servizo de axuda no fogar


# Mércores, 12/06/2013


Unha sentenza do Tribunal Superior anula a resolución ditada pola Consellería de Traballo e Benestar en 2011 e obriga á Xunta a explicar por que motivo lle deu só 72.000 euros de subvención ó Concello de Lugo

Ademais, o Tribunal Superior condena á Xunta ó pago das costas deste pleito

O Concello de Lugo acaba de gañarlle un pleito a Xunta de Galicia polo drástico recorte na subvención que lle concedeu hai dous anos á Administración local para a prestación do servizo de axuda no fogar. A subvención pasou de 283.604 euros no ano 2010 a pouco máis de 72.000 en 2011, a pesar de que a Orde pola que se convocaron estas subvencións dáballe prioridade á renovación das axudas concedidas o ano anterior.

A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ditar unha sentenza que anula a resolución ditada pola Consellería de Traballo e Benestar o 18 de outubro de 2011 que reduciu, sen xustificar o motivo, nun 70% o importe da subvención para o servizo de axuda no fogar que presta o Concello de Lugo.

Ademais, no seu fallo o TSXG fai expresa imposición de costas á Xunta de Galicia por unha cantidade máxima de 1.000 euros.

A resolución da Consellería de Traballo e Benestar, agora anulada, concedeulle a Lugo só 72.335 euros sen dar ningunha explicación deste importante recorte nas achegas para o mantenemento do servizo de axuda no fogar que presta o Concello, que un ano antes recibira para o mesmo fin unha achega da Xunta de 283.604 euros.

O Alto Tribunal dictou o seu fallo tendo en conta que, con arreglo á Orde de 3 de marzo de 2011, pola que se regulan as bases da concesión de subvencións destinadas á cofinanciación das prestacións de servizos sociais para 2011, tería que “considerarse como obxectivo prioritario a renovación das concedidas en 2010, sempre que foran adecuadamente xustificadas no seu día”.

Tamén explica o Tribunal Superior que “na resolución recurrida non se contén nin unha soa liña adicada a sinalar por qué a subvención polo concepto discutido experimentou tan importante reducción en relación coa concedida no exercizo anterior, polo que ten que concluirse que non se ofrecen ó Concello recurrente as razóns para a decisión adoptada”.

O Tribunal Superior estimou o recurso interposto polo Concello, anula a resolución da Secretaria Xeral de Familia e Benestar e obriga á Xunta a retrotraer o expedente para que “a administración autonómica dite unha nova resolución argumentando debidamente os motivos da cantidade asignada ó Concello de Lugo, polo servizo de axuda no fogar”, que ascendeu á cantidade de 72.335, 53 euros.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova