Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O domingo 23 terá lugar a primeira das actividades do proxecto de promoción turística Terras da Auga e Cultura


# Martes, 18/06/2013
O domingo 23 terá lugar a primeira das actividades do proxecto de promoción turística Terras da Auga e Cultura

Imaxe Asociada
Este proxecto, encabezado polo Concello de Lugo, conta coa colaboración dos Concellos limítrofes de Rábade e O Corgo

Carmen Basadre destacou que “tratamos de buscar iniciativas que activen o turismo e a vida na zon rural e que ademais conta cun importante patrimonio cultural”

O próximo domingo terá lugar a primeira das actividades no Concello de Lugo do Plan Integral de Promoción Turística da zona rural, do que forman parte tamén o Concello de Rábade e de O Corgo que engloba varias liñas de actuación co fin de abarcar todos os aspectos relacionados co turismo, así como de implicar a todos os axentes do sector. 

Así, o presentaron esta mañá a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o Alcalde de Rábade, Francisco Fernández Montes, que sinalaron que se trata “dun proxecto pioneiro, que conta cunha subvención de Agader para a súa execución, sendo a primeira vez que este organismo autonómico avalaba un proxecto de cooperación entre tres concellos destas características.”

Segundo deu a coñecer Carmen Basadre, este domingo 23 de xuño, terá lugar a primeira das saídas turísticas que percorrerá a ruta entre Romeán e Adai, polo antigo camiño coñecido como “dos bestilleiros”, que unía a Terra Chá coa feira de Adai e servía aos feirantes para levar os animais ao mercado e que se recuperou recentemente. O autobús coa guía turística sairá ás 10:30 horas da zona peonil da Ronda da Muralla e voltará ás 18:30 horas, polo que todas as persoas que teñan interese en ir deberán apuntarse a través do 010 ou na Oficina Municipal de Turismo. As persoas que acudan terán un precio especial nos menús nos postos de polbo de Adai aínda que tamén poderán levar a súa propia comida.

Neste proxecto, que conta cunha subvención de Agader, participan o Concello de Lugo cunha aportación económica de 72.685 euros, o Concello do Corgo cunha aportación de 3.000 euros e o Concello de Rábade cunha aportación de 3.000 euros. 

Plan Turístico Terras de Auga e Cultura
O obxecto desta axuda é a consolidación e a mellora da oferta turística na zona rural, xunto a posta en valor da riqueza patrimonial e segundo explicou Carmen Basadre, ten como finalidade “crear un produto turístico competitivo e específico para a zona rural que favoreza a integración e o desenvolvemento dunha rede de servizos e actividades artelladas a través duns circuítos turísticos”. 

Dentro do Plan Integral de Promoción Turísticas vanse realizar tres áreas de actuación diferente: sinalización de rutas e espazos nos núcleos rurais seleccionados, a creación de paquetes turísticos, e  a creación dunha páxina web conxunta na que se divulgue as diferentes actividades e locais das zonas.

Para o deseño destes circuítos seleccionáronse enclaves de interese histórico, artístico, natural, paisaxístico ou etnográfico. No Concello de Lugo, seleccionáronse oito parroquias que se detallan a continuación:
- San Xoán do Alto
- Burgo
- Prógalo
- Poutomillos
- Bacurín
- San Pedro de Mera
- Santalla de Bóveda
- Romeán

Estas sete parroquias destacan polo valor patrimonial que conservan, con monumentos de tanta relevancia como o templo de Santalla de Bóveda, a igrexa románica de Bacurín, a igrexa do Burgo e núcleos de especial interese como Vigo, Valín ou Bóveda. O seu valor histórico tamén é indiscutible, pois por elas transcorren o Camiño Primitivo e a Vía XIX. O río Mera as percorre dotando de gran beleza e riqueza medioambiental a súa paixase. No caso de Roméan, foi seleccionada polo seu valor paisaxístico, o bó estado de conservación de lugares como Tellado e o valor patrimonial do Pazo de Arias. 

Dentro deste proxecto, inclúense outras medidas destinadas a fomentar a participación privada como a creación dun “Menú Rural” que promocione a gastronomía galega á vez que potencian os produtos da terra para crear mercado entre os produtores das localidades participantes. Ademais, para fomentar as pernoctacións e a desestacionalización do turismo, traballarase cos empresarios, especialmente da zona rural, para a promoción dun plan de paquetes turísticos que integre ofertas de aloxamentos e restaurantes, e que inclúan de actividades ao aire libre, así como visitas temáticas a obradoiros de artesáns, a hortas de produción ecolóxica e a explotacións gandeiras ecolóxicas. 

Para a promoción do proxecto deseñarase unha web, co fin de aproveitar a ilimitada capacidade de difusión que ofrecen internet e as redes sociais, e tamén, publicarase un libro-guía no que se recollerá a valiosa información recabada do patrimonio do rural. 
As empresas interesadas en participar poden inscribirse a través do enderezo electrónico culturaarrobaconcellodelugo.org indicando no asunto “Paquetes Terras de Auga e Cultura” ou “Menús Terras de Auga e Cultura”. 

Ademais de hoteis e restaurantes, poden participar artesáns, tendas ou produtores agrogandeiros que queiran publicitar os seus produtos. Tamén queremos ofrecer un escaparate ás asociacións que queiran mandar información das actividades que desenvolvan. Os interesados tamén poden mandar información a través do correo electrónico culturaarrobaconcellodelugo.org  indicando no asunto “Produtos Terras de Auga e Cultura” ou “Axenda Terras de Auga e Cultura”.

Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova