Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aumenta en 2,4 millóns de euros o investimento municipal en programas sociais e de emprego e para financiar obras públicas


# Martes, 18/06/2013


Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Concello de Lugo aumenta en 2,4 millóns de euros o investimento municipal en programas sociais e de emprego e para financiar obras públicas

 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe adicar 850.000 euros máis a emerxencia social, axudas ó alugueiro, formación de parados e axudas a pemes e 1,5 millóns a obras nos barrios e na zona rural 

O Concello compensa con este esforzo orzamentario, procedente dos aforros feitos nos últimos anos, a desidia doutras administracións como a Xunta de Galicia

 
A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, anunciou hoxe que o Concello de Lugo vai reforzar con 2,4 millóns de euros o presuposto que adica ós programas sociais e de emprego e ó financiamento de obras públicas nos barrios da cidade e na zona rural.

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe adicar estes fondos, procedentes dos remanentes de tesourería que acumula o Concello, “ó mellor destino que se lles pode dar, a cubrir as necesidades que teñen as persoas máis vulnerables nun momento no que outras administracións, como a Xunta de Galicia, se desentenden delas”, anunciou Sonia Méndez. 

A Concelleira de Economía explicou que a eficaz xestión económica do Concello de Lugo permite non só renunciar, tamén este ano, á solicitude dun crédito bancario para financiar investimentos, senón que ademais fai posible destinar parte dos aforros acumulados nos últimos exercizos a cubrir as principais necesidades dos cidadáns, “neste momento no que a Xunta non cesa de facer recortes eliminando prácticamente as axudas sociais e para alugueiro, os programas de emprego e de formación e reduce á mínima expresión os investimentos en obras públicas en Lugo”.

O Goberno local acordou adicar 850.000 euros, un 35% do orzamento destes remantentes, a programas sociais e de emprego que se distribúen deste xeito: 150.000 euros son para axudas ó alugueiro de vivenda, partida que triplicará o presuposto este ano con respecto ó de 2012 ata chegar a 439.500 euros. Outros 100.000 euros son para aumentar a partida de emerxencia social, que duplicará neste exercizo o seu presuposto de xeito que acadará os 306.000 euros. 

Sonia Méndez tamén indicou que os programas sociais compleméntanse co aumento do investimento de inserción laboral, emprego e formación. Ante a falta de oferta formativa para desempregado e a insuficiencia das axudas autonómicas ás pequenas empresas e autónomos que teñen dificultade para sacar adiante os seus negocios, coa conseguinte repercusión para os postos de traballo, o Concello aumenta en 450.000 euros o presuposto adicado a axudas para pequenas empresas e tamén incrementa en 150.000 euros os cartos destinados á formación para persoas desempregadas.

1,5 millóns para investimentos en obras

Tamén se acordou adicar 1,5 millóns de euros a obras, en contra do que fan o resto das administracións que están a diminuir o investimento que adican a obra pública coa conseguinte repercusión negativa tanto para o emprego como na dinamización da economía. 

Os proxectos incluídos neste plan son os seguintes: rexeneración de pavimento e servizos da Ronda das Fontiñas no treito Carril Caiños-Rúa San Xillao, con 571.000 euros; reparación do pavimento da Ronda da Muralla, ó que se adican 82.169 euros; proxecto de estrutura sobre o río Mera, con 226.811 euros; rexeneración do pavimento en San Salvador de Muxa, cun presuposto de 72.202 euros; pavimentación do acceso ó núcleo de San Mamede dos Anxos no treito que vai da Igrexa de Conturiz a San Mamede, 86.814 euros; mellora da rede de saneamento nas Gándaras, concretamente nas rúas Monte Adairo e Pía Paxaro, á que se adican 138.108 euros; reordenación do tráfico na intersección da Estrada Vella de Santiago coa Rúa de Brétema, cun orzamento de 13.337 euros; rexeneración do pavimento na Rúa Vella da Ponte, á que se adican 81.361 euros; mellora do céspede e outras obras no campo de fútbol do Ceao, ó que se adica unha partida de 240.837 euros; e tamén hai dúas actuacións para a mellora da eficiencia enerxética no alumeado público, unha na Rúa do Carme, con 14.900 euros, e outra na urbanización Bellavista, dotada cun investimento de 35.974 euros.

Pleno do día 27

Méndez sinalou que, tanto o Goberno local como o BNG, coinciden en que se debe adicar parte do remanente do que dispón o Concello a cubrir as necesidades dos lucenses e concretamente ás políticas sociais e o emprego e amosou, tamén, a súa confianza en que o o acordo tomado hoxe pola Xunta de Goberno Local sexa aprobado por unanimidade da Corporación tanto na Comisión de Contas como no Pleno municipal que se celebrará o vindeiro día 27.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova