A Xunta de Goberno Local tamén aprobou dúas declaracións de ruínas na Rúa San Xillao e na Praza de Santo Domingo
O Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez, informou hoxe da conservación dos restos arqueolóxicos atopados nas obras de rehabilitación do Vello Cárcere e que motivaron novas prospeccións arqueolóxicas na zona. Estes achádegos foron os que motivaron a aprobación na Xunta de Goberno Local da ampliación do prazo de execución da obra que está incluída no Plan Urban e conta co 70% de cofinanciamento da Unión Europea a través dos fondos Feder.
O acordo foi tomado na sesión que celebrou esta mañá a Xunta de Goberno Local e veu motivado pola aparición de restos arqueolóxicos que conlevaron novas prospeccións e que impediron o remate da parte afectada polo que se aproba a ampliación do prazo ata o 12 de agosto de 2013. Os achádegos están identificados como unha estrutura funeraria relacionada coa incineración e que poden pertencer a unha necrópole romana que se cree que esta situada no entorno.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a delegación de competencias á Tenenta de alcalde e Concelleira de Economía, Emprendemento, e Autónomos, Sonia Méndez, para a aprobación e axilización de todos os actos de trámite para a contratación de servizos que se inclúan no Segundo Programa Experimental de Servizos Locais e Fomento do Emprego para o exercizo 2013.
Luis Álvarez tamén informou da aprobación de dous expedientes de ruína técnica dun inmoble na Rúa San Xillao e outro na Praza de Santo Domingo. A primeira delas levouse a cabo despois da Inspección Técnica de Edificios que constatou as malas condicións da fachada, cuberta e estrutuas do referido inmoble. No segundo dos casos, na praza de Santo Domingo, tamén se declarou a ruína económica e técnica porque o custo das obras de reparación necesarias é superior ao 50% do valor actual do citado inmoble, e ademais presenta esgotamento xeneralizado dos seus elementos estructurais fundamentais. En ambos casos ordénaselle aos propietarios que presenten no Concello un proxecto de demolición e de rehabilitación respectivamente.
Polígono das Gándaras
O Voceiro do Goberno Local e Concelleiro de Urbanismo dixo “sentirse contento por que a Xunta, unha vez máis, acaba por darnos a razón aínda que sexa con dous anos e medio de atraso e decida reducir o prezo do solo nas Gándaras”. Luis Álvarez sinalou que dende a inauguración do parque empresarial, o Alcalde, pediulles en varias ocasións que reducisen o prezo do solo e o adaptasen ás necesidades económicas actuais, “pero non fixeron caso ata agora e finalmente acabaron dándolle a razón”.
“Dende o Concello sempre se avisou que eses prezos non eran competitivos pero a eles o que menos lles importa é facer país” sinalou Álvarez que incidiu en que “na Xunta son cabezóns pero é o que temos e polo menos, despois de dous anos déronnos a razón e baixan os prezos”.
Neste sentido, lembrou que o Concello de Lugo, foi coñecedor das dificultades para mercar solo industrial e, ante a inoperancia da Xunta, decidiu facer bonificacións a todas aquelas empresas que queiran abrir neste parque empresarial que conta coas mellores comunicacións.