Cargando....
Concello de Lugo
06/04/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Aínda está aberto o prazo para participar na excursión entre Romeán e Adai dentro do programa turístico Terras da Auga e Cultura


# Venres, 21/06/2013
Os interesados poderán inscribirse ata ás 14.00 horas de mañá sábado a través do 010 ou na Oficina Municipal de Turismo

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, informa que está aberto o prazo ata mañá sábado 22 para inscribirse na excursión organizada dentro de "Terras de Auga e Cultura", un programa de promoción turística da zona rural de Lugo, O Corgo e Rábade, e que se celebrará o domingo.

Será a primeira visita guiada que levará aos participantes a coñecer a aldea de Romeán e logo percorrer o antigo "Camiño dos Bestilleiros" ata Adai, xusto o día no que se celebra a Feira do Cabalo. Antigamente os tratantes que chegaban de Mondoñedo e a Terra Chá facían noite en Romeán para que as súas bestas chegaran frescas á mañá seguinte á Feira de Adai.

Este domingo farase ese percorrido en autobus, cunha parada previa en Romeán, para descubrir o encanto dunha aldea moi ben conservada, de fermosa paisaxe e casas de boa labra. Tras este paseo, visitarase a Feira de Adai, unha das máis importantes de Galicia e con moito ambiente.

A saída é ás 10:30 horas da zona peonil da Ronda da Muralla (altura Porta de Bispo Aguirre) e volta sobre ás 18:30 horas. Recoméndase o uso de roupa e calzado cómodo para camiñar. Non son traxectos duros nin longos, polo que está recomendado para todos os públicos. As pulperías instaladas na Feira ofrecen un menú de 10 euros aos excursionistas que inclúe ración de polbo á feira, pan, viño e café. Pódese levar comida e bebidas propias.

Son visitas gratuítas e para a deste domingo, os interesados poden inscribirse ata as 14:00 horas do sábado 22 de xuño a través do 010 (982 297 350 para chamadas de fóra de Lugo) ou na Oficina Municipal de Turismo (982 251 658).


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova