Imprimir

O CONCELLO CONVOCA O 13º CERTAME DE PINTURA RÁPIDA Ó AIRE LIBRE "CIDADE DE LUGO"


25/6/2013 Celebrarase o 14 de xullo e repartiranse case 4.500 euros en premios, segundo anunciou a Concelleira de Cultura

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, presentou hoxe o decimoterceiro Certame de Pintura rápida ó aire libre "Cidade de Lugo", que se vai celebrar o domingo día 14 de xullo.

Basadre explicou que se trata dun certame xa consolidado, tanto pola súa permanencia no tempo como polo número de artistas e a calidade das obras que participan nel.
Lembrou que o ano pasado houbo 51 participantes procedentes de distintos puntos de Galicia e de outros lugares de España como Segovia, Alacante, Madrid ou o Pais Vasco.

Ademais anunciou que a Concellería ten a intención de organizar unha exposición coas distintas obras premiadas durante a historia deste certame.

Neste certame poden participar todos os artistas que o desexen cunha única obra que non poderçan asinar ata o momento non que se coñeza o ditame do xurado. As bases establecen que o estilo e a técnica serán libres e a temática xirará en torno á cidade de Lugo. Os artistan poderán pintar calquera estampa de Lugo dentro do recinto amurallado e no adarve da Muralla.

As inscricións faranse ese mesmo día na Concellería de Cultura e as obras deberán estar terminadas ás cinco da tarde.

O fallo do xurado coñecerase ás seis da tarde.

O importe total dos distintos premios que se entregarán é de 4.450 euros distribuídos deste xeito: un 1º premio dotado con 1.000 euros, o 2º con 700 e o 3º con 500. Establécese, ademais, un premio especial ó artista local, nacido ou residente en Lugo, que non será compatible coa obtención de outro galardón e tamén se concederán seis accesit por importe de 300 euros.

As obras participantes neste Certame serán expostas no Concello do 15 ó 19 de xullo.

Avance da programación cultural

Carmen Basadre tamén avanzou outras novidades da programación cultural do Concello para os próximos días como a exposición de fotografías de Simon Norfolk que se vai inaugurar o día 4 de xullo no MIHL. Nela poderemos ver parte da obra deste reputado fotoperiodista británico sobre xenocidios e algunhas das guerras das últimas décadas como as de Irak e Afganistán.

Tamén anunciou  a Concelleira de Cultura a celebración dúas audicións musicais organizadas pola Escola Municipal de Música con motivo do fin de curso. A primeira terá lugar hoxe, ás 16.00 horas no salón de actos do Uxío Novoneyra, e a outra será o festival de fin de curso que se celebrará mañá, ás 19.30 no Auditorio Gustavo Freire.