Imprimir

O CONCELLO ADICA 48.000 EUROS A SUBVENCIÓNS PARA ASOCIACIÓNS VECIÑAIS, PROFESIONALES, EDUCATIVAS E DE MEDIO AMBIENTE EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA


26/6/2013 O Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá anunciou hoxe que haberá cambios no baremo para primar o interese dos proxectos e as necesidadedes de mantemento dos locais das asociacións 

O Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá, Manuel Núñez, anunciou hoxe que o Concello vai destinar este ano 48.000 euros á convocatoria de subvencións e asociacións para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral en réxime de concorrencia competitiva.

As bases que regulan estas subvencións a asociacións de carácter veciñal, profesional, educativas e de medio ambiente en réxime de concorrencia competitiva serán publicadas en breve.

O Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá explicou que nesta convocatoria hai algunhas novidades no baremo, xa que se modifican algúns aspectos, para primar o interese do proxecto en temas sociais e de saúde, de atención a maiores e, tamén, a desempregados.

Ademais, auméntase a puntuación ás asociacións que teñen locais propios, polas necesidades de lles supón o seu mantemento, necesidades ás que non teñen que facer fronte as asociacións que utilizan instalacións cedidas polo Concello ou por outro tipo de institucións.

Manuel Méndez tamén sinalou que o importe máximo das subvencións é de 3.000 euros e establécese como data límite para a presentación da documentación e as facturas xustificativas o día 30 de novembro.

A convocatoria das subvencións publicarase, previsiblemente, este venres no Boletín Oficial da Provincia e posteriormente no Diario Oficial de Galicia e o prazo para a presentación das solicitudes e proxectos será dun mes logo da publicación das bases.

Méndez explicou, asímesmo, que este ano, para axilizar a tramitación e o posterior pagamento, unha vez que sexan publicadas as bases terá lugar unha reunión con todas as asociacións para clarificarlles todos os aspectos que poidan provocar dúbidas.

Subvencións nominativas

Tamén informou o Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá de que está en tramitación o pago das subvencións nominativas concedidas pola súa Concellería á Cruz Vermella para primeiros auxilios, consistente básicamente nunha axuda para a compra dunha ambulancia, por importe de 22.000 euros; á Xunta de Confrarías para a organización da Semana Santa, cun importe de aproximadamente 6.000 euros, e a achega para a Asoción de Consumidores e Usuarios da provincia de Lugo, que supón unha aportación de 2.500 euros, así como o convenio por importe de 51.000 euros para a Sociedade Protectora de Animais.