Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aumenta nun 8% o presuposto para a segunda edición do plan experimental para o fomento de emprego


# Luns, 01/07/2013



Imaxe Asociada
 O Alcalde de Lugo salientou que ante o aumento das persoas en situación de desemprego e a falta de axudas por parte da Xunta de Galicia “o Concello que non é alleo aos problemas vese na obriga de aumentar o presuposto deste plan”

 O programa, cun orzamento de 325.000 euros, suporá a contratación de 20 persoas en situación de desemprego durante un mínimo de seis meses

Durante ese tempo desenvolverán tarefas de interese xeral na zona rural, nos diferentes barrios, nas instalacións deportivas, e nos colexios públicos

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, presentaron a segunda edición do programa experimental de fomento do emprego que nesta ocasión conta cun aumento do 8% no presuposto e no tempo de contratación das persoas en situación de desemprego. Así, nesta segunda edición, contará cun presuposto de 325.000 euros e un tempo mínimo de contrato de 6 meses.

O Concello de Lugo leva 13 anos desenvolvendo programas de emprego cos seus propios recursos económicos. Primeiro foi o Plan Piles, que se desenvolveu entro o ano 2000 e o 2011, e en 2012 levouse a cabo a primeira edición do Programa Experimental de Servizos Locais e Fomento de Emprego, en sustitución do anterior plan.

O Alcalde de Lugo salientou que ante o aumento das persoas en situación de desemprego, en Lugo xa son 10.500, e a falta de axudas por parte da Xunta de Galicia “o Concello que non é alleo aos problemas vese na obriga de aumentar o presuposto deste plan aínda que non sexa da nosa competencia”. Neste sentido, lembrou o Real Decreto do Goberno Central que impide a contratación de persoal por parte das administracións locais e, polo tanto, desenvolver determinados programas de inserión laboral como o Piles. Tamén sinalou que “dende que o señor Feijoo é presidente da Xunta de Galicia nunca lle concedeu ningún programa de emprego nin escola-taller ao Concello de Lugo, algo que nunca antes sucedera”.

Por este motivo, en palabras do Alcalde de Lugo, “somos conscientes que este programa non soluciona os graves problemas de desemprego pero agardamos que sexa un parche para moitas familias ás que debemos transmitir unha certa dose de optimismo” ademais de que “para o equipo de goberno deste Concello o emprego é un compromiso”.

No mesmo sentido, se explicou Sonia Méndez, ao considerar que o Concello non ten competencias en materia de emprego pero “non podemos permanecer pasivos ante a situación do incremento de desempregados e da supresión de medidas de fomento de emprego por parte da Xunta e do Goberno Central”.

A Concelleira de Economía destacou que con este plan especial “buscamos tres obxectivos fundamentais: a creación de novos postos de traballo e mantemento dos xa existentes; favorecer ás pequenas empresas locais, dándolles ocupación durante 6 meses e, ao mesmo tempo, levar a cabo diferentes actuacións de interese púlico en cinco áreas diferentes”. Para as empresas participantes é requisito fundamental que dispoñan de local ou nave no término municipal.

O programa conta cun orzamento de 325.000 euros que se distribuirán en 5 proxectos de actuación diferentes que se adxudicarán a través de procedementos negociados. Así, un dos programas é para o servizo de infraestruturas, que terá como tarefas o arranxo de  beirarrúas, vados e outras necesidades dos diferentes barrios da cidade. Outro dos programas é para o servizo de Medio Ambiente, no que se levarán a cabo desbroces urbanos, mantemento de xardíns e do inmobiliario urbano entre outros. Un terceiro para o servizo de Deportes para a realización de mantemento e reparación de instalacións deportivas. Un cuarto para a zona rural, que se encargaría entre outros actuacións dos desbroces e arranxos de espazos públicos como fontes ou escolas. E un último para o servizo de Educación no que se desenvolverán tarefas de reparación dos colexios. Todas estas necesidades de mantemento dos espazos públicos exceden á capacidade de recursos humanos existentes no Concello polo que servirán non só para dar traballo a parados de longa duración senón tamén para contribuir á permanencia de empresas locais e levar a cabo actuacións de interese municipal.

A responsable da área económica destacou que o único requisito para presentarse é que cada empresa deberá contratar a un mínimo de 4 persoas en situación de desemprego (2 xa existente en cada empresa, e 2 de nova contratación). Co que se garante emprego para un mínimo de 20 persoas en situación de desemprego durante, polo menos, un mínimo de 6 meses que é a duración estimada de cada unha das actuacións, aínda que “prevemos que sexan máis os traballadores porque o compromiso de contratar o maior número posible de parados será o que rixe o criterio de adxudicación” segundo Sonia Méndez.

Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova