Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Esta mañá presentouse Verán en Lugo 2013 un programa con máis de 40 actividades para todas as idades


# Martes, 02/07/2013
Nesta publicación reúnense as diferentes actividades de Cultura, Benestar Social, Educación e Deportes para os meses de xullo e agosto

Imaxe Asociada
Tamén se presentou a 22º Feira do Libro Antigo e de Ocasión que traerán a Lugo máis de 30.000 exemplares 


As Concelleiras de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, presentaron o programa Verán en Lugo 2013 no que se reúnen gran parte das actividades de verán que se levarán a cabo polas diferentes concellerías ao  longo dos meses de xullo e agosto.

Carmen Basadre destacou que “son actividades abertas e gratuitas e dirixidas para todos os públicos, dende os máis pequenos, ata familias ou maiores” e coas que “queremos que todas as persoas que se queden ou que veñan a Lugo no verán poidan desfrutar de alternativas de lecer para todos os gustos xa que estas actividades dinamizan a cidade”.

Dentro das actividades enmarcadas na área de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua vanse levar a cabo:

- Descubre as Terras da Auga e Cultura, excursións que se celebran todos os domingos e nos que se quere fomentar o turismo á zona rural a través de visitas guiadas.

- O mes da ilustración. Xullo artístico para nenos. Celebrarase todos os mércores de xullo, 3, 10, 17, 24 e 31  ás 11:00 horas na sala de grupos do MIHL e no exterior da Biblioteca Municipal. Nelas, os nenos e nenas levarán a cabo obradoiros de gravado, plastilina ou banda deseñada entre outros.

- Música nos parque e nas prazas da cidade. Durante o mes de xullo tamén os amantes da música poderán desfrutar de diferentes concertos os martes e venres ás 20 horas en diferentes prazas do recinto histórico. Tamén a Banda Municipal de Música actuará todos os xoves de xullo ás 19.30 horas en distintos parques da cidade.

- Exposición de fotografia de Simon Norfolk que se inaugura este xoves 4 de xullo estará no MIHL ata finais de outubro.

- O 14 de xullo terá lugar o Certame de Pintura Rápida ao aire libre Cidade de Lugo.

- O 23 de agosto terá lugar un concerto de piano e 100 candeas ás 23.00 horas na Praza de Santa María.

- Un ano máis volverán os Vellos oficios vivos  que se desenvolverán a fin de semana do 31 de agosto- 1 de setembro, o 7-8 de setembro e o 14-15 de setembro na Praza Maior.

Dentro Servizo de prevencion de drogodependencias tamén se desenvolverán actividades como obradoiros de coiro, con papel de comic ou un curso de monitor de ludoteca. Ademais, na Casa da Xuventude, tamén se desenvolverán entre as 19.00 e as 20.30 horas actividades que non precisan inscrición: os martes serán manualidades creativas, os mércores retos científicos e os xoves manualidade creativas.

Tamén se vai desenvolver entre o 1 e o 6 de xullo, en colaboración coa Fundación Juan Soñador, un campamento na Praza do Castiñeiro para nenos e nenas de entre 11 e 16 anos.  Este campamento está baseado na idea de construir unha pequena cidade formada polas persoas participantes e que representarán un papel dentro de cada unha das cidades.

No mes de agosto, os días 3, 10 e 24 de agosto, levaranse a cabo xogos tradicionais e populares para a mocidade na Praza Maior, no Parque Rosalía de Castro e na Praza de Santa María, respectivamente, entre as 16.00 e as 20.00 horas.

Área de Benestar Social e Igualdade
Na área de Benestar Social e Igualdade lévanse a cabo as Aulas Abertas nos centros da Milagrosa, Lamas de Prado, Fingoi, Uxío Novoneyra, María Balteira e Sagrado Corazón en horario de 9:00 a 13:30 horas. Esta actividade está destinada a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Terá unha cota de 1 euro ao día. 

Taichí ao aire libre de carácter gratuíto e aberto a toda a poboación. Realizaránse na Praza de Augas Férreas só durante o mes de xullo en horario de 10.00 a 11.00 os martes e xoves e no Parque da Milagrosa os meses de xullo e agosto entre as 20:00 e as 21:00 horas os luns e os mércores. 

Tamén se levarán a cabo diferentes excursións para un máximo de 54 persoas cada unha e que están dirixidos a toda a poboación e organizadas dende os propios centros sociais, onde ademais poderán coñecer as rutas e os lugares que se visitarán. 

O Programa Aprende xogando que se desenvolve todo o ano no Parque da Milagrosa, no Centro de Convivencia Maruja Mallo e no Uxio Novoneyra en horario de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20:30 horas dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.

Deportes
Na área de deportes vaise levar a cabo, en colaboración co Club Fluvial de Lugo, do XIII Curso de Piragüismo durante os meses de xullo, agosto e setembro. Ademais no mes de setembro tamén se realizará un curso de natación intensivo para os nenos e nenas nacidos entre os anos 2003 e 2007. A Concellería tamén colabora con diferentes campamentos de verán organizados na cidade mediante a cesión de instalacións deportivas.

Ademais xa está aberta a piscina de verán de Frigsa cun horario de 12.00 a 20.30 horas de luns a venres e de 12.00 a 20.00 horas os sábados e domingos.

Educación
Tamén na Concellería de Educación, Formación e Orientación Laboral, se elaboraron diferentes actividades para os nenos e nenas que pasen o mes de xullo na cidade. Así, vaise celebrar o XII Curso de Verán de Educación Viaria que están dirixidos a nenos e nenas de oito a catorce anos, en karts e bicicleta, e de 15 e 16 anos, en ciclomotor. O obxetivo é formar aos rapaces e rapazas lucenses para que coñezan as normas de circulación e fomentar así a seguridade cidadá. 

Dende esta área tamén se organiza a actividade Verán Lúdico que ten lugar na piscina exterior de Frigsa de luns a venres de 16 a 18.30 horas e no que se levan a cabo actividades de xadrez, unha biblioteca de verán e unha zona de ludoteca con xogos de mesa.

Do 2 ao 5 de xullo as familias que queiran coñecer o xadrez poderán achegarse á praza da Milagrosa para participar na Viaxe pola historia do xadrez coa que se quere achegar este deporte á cidadanía promovendo a súa práctica. Tamén estarán entre o 8 e 12 de xullo na praza do Castiñeiro, en ambos casos a hora será entre as 19 e as 21.

Para o mes de setembro tamén se programou E ti que fas? Eu xogo ao xadrez que se fará de luns a venres de 17 a 20 horas na Praza Maior, onde as persoas visitantes poderán xogar ao xadrez xigante ou iniciarse neste deporte con axuda de monitores especializados.

FEIRA DO LIBRO ANTIGO

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o representante da Federación de Librarías de Galicia, Antonio Fernández Maira, presentaron a 22º Feira do Libro Antigo e de Ocasión de Lugo que se celebrará dende o venres 5 ao domingo 21 de xullo. Nesta ocasión participan 9 postos chegados de diferentes lugares de España e que traeran á cidade máis de 30.000 libros antigos ou de ocasión. Os postos de exhibición e venda de libros estarán situados no fondo da Praza Maior e abertos de 11 a 14 horas e de 17 a 22.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova