Elexidos os gañadores do concurso de ambientación romana e castrexa que convocaron o Concello e El Progreso con motivo do Arde Lucus
# Mércores, 03/07/2013
Os gañadores da Segunda edición do Concurso de Ambientación romana e castrexa do Arde Lucus, convocado polo Concello en colaboración do xornal El Progreso, fixéronse públicos hoxe logo da reunión que celebrou este mediodía o xurado.
O xurado acordou conceder o premio de fachadas e balcóns, dotado con 1.000 euros, á vivenda situada na rúa do Progreso, 23-3ºB. Na categoría de escaparates, o premio de 500 euros foi concedido Cuki Bakes e na de locais de hostalería, que tamén ten unha dotación económica de 500 euros, o premio foi para a cervexaría Lagar. O premio na categoría especial de centros escolares, dotado con 1.000 euros, foi para o CEIP Quiroga Ballesteros. Nesta modalidade, o xurado acordou concederlle unha mención especial á Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz.
O xurado estivo composto polo Alcalde, José López Orozco; a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre; a Presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; e representantes da asociación Lugnudum, Alba Villar, e do Senado, Carlos Maciñeiras, así como o xerente da empresa Torre de Núñez, José Manuel Núñez.
O Alcalde destacou a importancia desta iniciativa e agradeceu a todos os concursantes a súa participación no Certame que contribúe a animar as rúas da cidade durante a celebración da festa do Arde Lucus.
Tamén aproveitou para agradecer as asociacións e colexios que tomaron parte este ano na organización da festa e tivo un recordo especial “ó extraordinario fenómeno de solidariedade” que se produciu logo do incendio que afectou ás casetas de dúas asociacións instaladas na Castra.
Compartir: