Imprimir

O MERCADO MUNICIPAL ACOLLERÁ ESTE SÁBADO A SEGUNDA EDICIÓN ESPECIAL DO MERCADO DA TERRA


4/7/2013 O Concello colabora nesta iniciativa coa Asociación  Bandullo Ecolóxico 

Sonia Méndez anuncia que comezan os preparativos para a posta en marcha da páxina web da Praza de Abastos e o Mercado 


Os placeiros interesados recibirán formación para vender os seus produtos por internet

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e a Presidenta da Asociación Bandullo Ecolóxico, Esther Gómez, presentaron hoxe a segunda edición especial do Mercado da terra, que se vai celebrar este sábado, día 16, organizado pola Concellería e pola Asociación Bandullo ecolóxico, coa colaboración da Deputación provincial.  No acto estiveron acompañadas por Pilar Díez, en representación dos comerciantes do Mercado que participan nesta actividade.

Sonia Méndez salientou que iniciativas coma ésta contribúen a facilitar unha alimentación máis sautables ó tempo que axudan á dinamización do Mercado municipal, e explicou que se inscriben nos proxectos do Concello para atraer cada vez máis visitantes tanto á Praza de Abastos como ó Mercado.

Na mesma liña, a Concelleira de Economía destacou que o Concello vén de contratar a creación dunha páxina web para a Praza de Abastos que ofrece a posibilidade de venda por internet e que se completa cun plan de formación dos placeiros para que saiban xestionar na web a difusión e venda dos seus produtos. 

Méndez anunciou que hoxe mesmo, ás 20.00 horas manterá unha xuntanza coas placeiros interesados en incorporarse a este plan de formación no que poderán participar 18 persoas.

Pola súa parte, Esther Gómez anunciou que a Feira Ecolóxica terá lugar de 10.30 a 14.00 horas nas instalacións do Mercado municipal e participarán nela 15 postos nos que poñerán a venda produtos de distinto tipo como confituras, infusións, mel, xelados, verduras, cervexa artesá, carne fresca, castaña e derivados dela, etcétera. Ademais da comercialización destes produtos tamén haberá degustacións, cata de cervexa e e rifas de tres cestas con produtos ecolóxicos. Concretamente, a cata de cervexa está prevista para as 13.00 horas e as rifas para as 13.30 horas. 

A Presidenta de Bandullo Ecolóxico lembrou que esta asociación xa leva máis de dous anos facendo nas instalacións municipais un mercado ecolóxico. Celébrase os martes pola tarde,  de 17.00 a 20.00 horas, e conta coa participación de produtores de cercanías procedentes de distintos lugares comoTirimol, Friol, Negueira de Muñiz e Lourenzá, entroutros, que comercializan a súa produción de hortalizas, legumes, verduras, frutos secos ou pan, entre outras mercadorías.

Segundo explicou Esther Gómez, un dos principais obxectivos que ten a Asociación Bandullo Ecolóxico con este mercado é animar ós consumidores a comer sano, mercando produtos de temporada directamente ós produtores. Deste xeito, ademais,  evitánse osintermediarios e axúdase a que haxa comunidades rurais autónomas e contribúese ó equilibrio medioambiental.