Imprimir

ESTÁ ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NA CUARTA EXCURSIÓN Á ZONA RURAL DE LUGO DENTRO DO PLAN TURÍSTICO TERRAS DA AUGA E CULTURA


10/7/2013 Os interesados poderán inscribirse ata o sábado 13 ás 14.00 horas na Oficina Municipal de Lugo, na Concellería de Cultura ou a través do 010

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, informa que está aberto o prazo de inscrición ata as 14:00 horas do sábado 13 para a cuarta excursión organizada dentro de "Terras de Auga e Cultura", un programa de promoción turística da zona rural de Lugo, O Corgo e Rábade. Esta nova actividade terá lugar o próximo domingo 14 de xullo.

Esta nova visita guiada levará aos participantes ás parroquias lucenses de Santalla de Bóveda e Burgo. O percorrido será dende a igrexa de San Vicente do Burgo realizarase unha andaina polos camiños da aldea cunha duración de case dúas horas e ao final visitarase a Capela de San Bartolomeu.

O xantar será nas Searas que ofrecerá un varios menús con prezos especiais para os excursionistas. Xa pola tarde realizarase un percorrido polos núcleos de Valín, Vilar e Vilanova en Santalla de Bóveda.

A saída é ás 10:30 horas da zona peonil da Ronda da Muralla (altura Porta de Bispo Aguirre) e volta sobre ás 18:30 horas. Recoméndase o uso de roupa e calzado cómodo para camiñar. Non son traxectos duros nin longos, polo que está recomendado para todos os públicos. Pódese levar comida e bebidas propias.

Son visitas gratuítas e para a deste domingo, os interesados poden inscribirse ata as 14:00 horas do sábado 13 de xullo a través do 010 (982 297 350 para chamadas de fóra de Lugo) ou na Oficina Municipal de Turismo (982 251 658).