Imprimir

A 9º EDICIÓN DO CONCURSO DE TAPAS DE LUGO TERÁ LUGAR ENTRE O 13 E O 30 DE SETEMBRO


11/7/2013 Unha das novidades para este ano é que se poderán pagar as tapas coas antigas pesetas


O prazo de inscrición para os establecementos participantes remata o 24 de xullo


Por novena edición consecutiva, os establecementos hosteleiros de Lugo, poderán despregar a súa creatividade entre o 13 e o 30 de setembro no 9º Concurso de Tapas de Lugo. Así o presentaron esta mañá a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o Presidente da da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría, Cheché Real, que sinalaron que se atopa aberto o prazo ata o 24 de xullo para que os establecementos se poidan inscribir.


Carmen Basadre sinalou que “estas iniciaticas acadan un éxito importante e serven para dinamizar o turismo e que a xente de aquí e de fóra se acheguen aos nosos bares e restaurantes a consumir as tapas xerando un importante movemento económico” ademais de que “non podemos esquecernos que moitas das persoas que se achegan a Lugo fánno para probar a nosa gastronomía”. Basadre animou de novo aos establecementos da cidade a participar e convidounos a seguir mellorando día tras día.


Cheché Real deu a coñecer unha das novidades de esta edición “na que se poderán pagar as tapas con pesetas que despois se cambiarán no Banco de España”. Nesta segunda edición organizada directamente polos propios hostaleiros, un xurado especializado premiará a mellor tapa tradicional, a mellor tapa creativa, a mellor tapa maridada con viño da Ribeira Sacra, a mellor tapa maridada con cervexa Estrella Galicia, a mellor tapa elaborada con queixo do Cebreiro Marques de Cernadas, e a mellor tapa elaborada con produtos de agricultura ecolóxica baixo o selo de CRAEGA. O prezo das inscricións serán de 100 euros para os establecementos pertencentes á APEHL e de 300 para o resto.