Cargando....
Concello de Lugo
24/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello ofrecerá prácticas no estranxeiro a trinta mozos nunha nova edición do programa Lugoquálitas financiado con case 124.000 euros de fondos europeos e municipais


# Mércores, 17/07/2013
O Goberno local expresa a súa preocupación pola falta de compromiso da Xunta co Centro da romanización

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Sonia Méndez lamenta que “os lucenses nunca sexan unha prioridade para a Xunta de Galicia” 


A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, anunciou hoxe que o Concello levará a cabo unha nova fase do proxecto Lugoquálitas con financiación da UE. 

Lugoquálitas 3 terá un presuposto total de 123.600 euros e del beneficiaranse trinta mozos lucenses que podrán facer prácticas profesionais no estranxeiro, concretamente en Alemaña, Italia e Irlanda do Norte. 

A Unión Europea concedeulle ó Concello de Lugo unha achega de 95.600 euros para este fin e a administración local financiará os 28.000 euros restantes, segundo se acordou hoxe na Xunta de Goberno Local.

O Goberno local aprobou o proxecto Lugoquálitas 3 e a súa execución dende o 1 de setembro de 2013 ata o 31 de maio de 2015, así como a sinatura de todos os documentos preceptivos para a aceptación e tramitación da subvención do proxecto e aceptar a subvención de 95.649,90 € outorgada polo Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos.

O Concello adquire o compromiso de dotar no Orzamento Xeral do ano 2014 a cantidade de 28.000 euros, con cargo ás partidas da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, para a cofinanciación do proxecto.

O proxecto “Formación europea para a cualificación da mocidade lucense. Lugoquálitas 3”, promovido polo Concello de Lugo, contempla a organización de prácticas profesionais no extranxeiro para a mocidade lucense que se atope no mercado laboral ou en condicións de acceder a él, co obxectivo de mellorar as súas expectativas de traballo nun contexto cultural diferente ó propio. 

O número previsto de participantes é de trinta mozos e mozas titulados universitarios ou en formación profesional. As prácticas realízanse en Alemaña, Italia e Irlanda do Norte. Para a execución deste proxecto o Concello de Lugo conta como socios intermediarios con tres entidades (Academia Europea de Firenze, RSM Tenon e Arbeit und Leben) de ampla experiencia no desenvolvemento de proxectos de mobilidade e en organización de prácticas profesionais con contactos en empresas de distintos sectores, como TIC, medio ambiente, automatización, turismo, restauración, etc., que serán as encargadas da xestión da loxítica, titorización e apoio ós mozos participantes nas prácticas.

Licenza nas Gándaras 

A Xunta de Goberno tamén acordou conceder unha licenza a Begasa para a construcción dun edificio no parque empresarial das Gándaras. O presuposto do proxecto é de case 560.000 euros e a empresa beneficiarase da bonificación do 50% do ICIO que ofrece o Concello a todas as empresas que se instalen no parque das Gándaras.

O futuro do Centro da romanización

Sonia Méndez tamén expresou a preocupación do Concello pola falta de compromiso da Xunta para a creación do proxectado Centro da romanización no Cuartel de San Fernando, que segue a deteriorarse, xa que o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, recoñeceu onte que non inclúe este proxecto entre as súas prioridades.

O Alcalde pediulle onte ó Conselleiro que non esqueza este proxecto e que inclúa nos Orzamentos de 2014 unha partida, aínda que sexa pequena, para o Centro da romanización. 

“Os lucenses nunca están entre as prioridades da Xunta de Galicia e lamentamos ter que insistir, unha vez máis, en que queremos que se faga o Museo da romanización e non se deixe abandonado ese proxecto”, destacou a Conselleira de Economía.

Indicou, ademais, que “tampouco podemos darnos por satisfeitos coa resposta que se deu no tema da iluminación do adarve da Muralla porque, despois de dous anos, o único que nos poden dicir é que está en tramitación, cando a instalación xa estaba feita é só hai que repoñer o alumeado”. 

Orde de desaloxo 

Sonia Méndez tamén comunicou que o Concello ordenou o apuntalamento da esquina posterior esquerda do edificio número 7 da rúa Paradai de Abaixo e o desaloxo da segunda planta. O arquitecto municipal deu orde de tomar estas medidas porque o continuado estado de abandono e a falta de mantenemento do edificio provocaron o deterioro do mesmo. 

Os servizos sociais municipais están atendendo á inquilina do inmoble, que xa solicitou unha axuda de aluguer ó Concello, aínda que as competencias en materia de vivenda correspóndenlle á Xunta de Galicia, e tamén lle ofreceron a tramitación da Risga.

Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova