Cargando....
Concello de Lugo
27/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo será unha cidade de conto os días 19 e 20 de xullo


# Martes, 16/07/2013
Concello e Universidade colaboran nesta iniciativa do campUSCulturae



Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A Concelleira de Cultura, Carmen Basadre; o Vicerreitor da Universidade, Pedro García Herradón, e o coordinador do campUSCulturae, Xosé Antón Neira Cruz, presentaron hoxe o programa de actividades “Lugo, unha cidade de conto”, que se desenvolverá os días 19 e 20 de xullo.

A Concelleira de Cultura explicou que se trata dunha nova colaboración entre o Concello e a USC e que, grazas a esta iniciativa, distintos lugares do Centro da cidade vanse convertir en escenarios para a narración de contos.  

Lugo, unha cidade de conto é un proxecto do campUSCulturae ideado para xerar actividade arredor dos contos e da cultura, tal e como adiantou este martes o coordinador deste proxecto, Xosé Antón Neira Cruz, no consistorio lugués na presentación desta actividade no transcurso dun acto no que tamén participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre.

O abano de actividades, música, teatro, contacontos…. programadas polo campUSCulturae a través desta nova iniciativa, tal e como é Lugo, unha cidade de conto, comezará a desenvolverse o venres 19 de xullo, a partir das 19.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, coa representación da obra de teatro ‘A rebelión do monicreque’, a cargo dos actores da compañía Matapiollos. A entrada para asistir a esta obra de teatro e libre e gratuíta ata completar o aforo, con capacidade para pouco máis de 100 espectadores.

O campUSCulturae retomará a actividade creativa, integradora e participativa de Lugo, unha cidade de conto, o 20 de xullo coa organización de diversos obradoiros na Praza Maior, na Praza Anxo Fernández Gómez e no Quiosco da Música, espazos urbanos abrazados pola muralla romana de Lugo que, por un intre, mudarán en Praza de Aladino, Praza da Carapuchiña Vermella e na Praza de Alicia no País das Marabillas.

Nestes escenarios reais, aínda que transformados de cheo pola imaxinación, nenos/as e maiores poderán participar libremente desde primeira hora da mañá ata a noitiña nos distintos obradoiros de narración oral e teatro, expresión corporal e creación, ilustración ou obradoiros de reciclaxe e creación. Estes grupos de traballo, sempre abertos á incorporación de todo o público interesados desenvolveranse en quenda de mañá, de 11.00 a 13.00 horas e estarán guiados por Ana Carreira, Melania Cruz, Sara Pérez e Marga Portomeñe, ademais doutros monitores. 

O circuíto de tapas ‘Comer e contar…, todo é empezar’, no que os hostaleiros lugueses ofrecerán nos seus respectivos locais tapas propias de distintas gastronomías e culturas, permitirá ao público satisfacer o apetito e prolongar a dimensión ficticia da cidade luguesa desde as 13.30 ata as 15.00 horas.

Xa en quenda de tarde, o obradoiro ‘Contamos contigo’, que se desenvolverá de 18.00 a 20.00 horas, servirá de colofón a unha xornada de conto coa celebración de diversas actividades e actuacións de dinamización abertas á participación activa de quen queira contar ou cantar da maneira que lle apeteza facelo. Todos estos actos previstos e programados poderán verse enriquecidos polas achegas espontáneas do público, que ten total liberdade para participar e ser protagonistas desta iniciativa do campUSCulturae, un proxecto de constitución dun espazo internacional dedicado ás minorías culturais do mundo.

O campUSCulturae aborda a creación, a cultura, a investigación, o coñecemento desde unha formulación propia do seu tempo e través do uso de todas as ferramentas tecnolóxicas que teña ao seu alcance. Trátase pois dun espazo integrador que fomenta o traballo en rede e reforza o espírito europeísta. Unha das aspiracións do campUSCulturae, que se presenta como plataforma de participación aberta e interxeracional, pasa por inspirar compromiso coa minoría e defensa de diversidade. Así, o campUSCulturae quere ser punto de encontro entre os nenos e os mozos e quen, dunha forma ou doutra, traballan por e para eles.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova