Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello presenta unha aplicación informática para a difusión turística de Lugo a través de móbiles e tablets


# Venres, 19/07/2013
 Axudará a planificar visitas a Lugo de xeito gratuíto e mesmo sen dispor de conexión a internet

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, presentou hoxe unha aplicación informatica deseñada especialmente para a promoción turística da cidade a través dos teléfonos móbiles e as tablets.

“Nos tempos que estamos cada vez se usan máis as novas tecnoloxías para acceder á información, por iso creamos esta aplicación turística, que vai ser unha ferramenta tanto para os viaxeiros como para os cidadáns de Lugo, gratuíta e accesible mesmo sen ter internet no seu móbil”, salientou a Concelleira.

Basadre tamén explicou que se trata dunha ferramenta para divulgar información cultural e turística de Lugo, de acceso gratuíto, coa información disponible en tres idiomas, galego, castelán e inglés, que permíte a descarga dos contidos mesmo sen ter conexión a internet e cun moderno deseño e de fácil control,.

Nela incorpóranse atractivos contidos que poden ser de utilidade tanto para os visitantes da cidade como para os lucenses.

A aplicación tamén favorece a interacción do usuario que pode deseñar itinerarios propios pola cidade adaptados ás súas preferencias e facilita, ademais, a posibilidade de compartir as experiencias dos viaxeiros a través das redes sociais. 

Unha das posibilidades que se ofrece ó viaxeiro con esta aplicación seralle de utilidade para a organización da súa viaxe e estancia en Lugo. Trátase dunha pequena guía turística electrónica que levará ó usuario ós puntos de interese que seleccionou previamente dentro do apartado de Guía Turística. Cando o usuario chegue ás zonas que marcou no seu itinerario, esta aplicación permitiralle visualizar automáticamente as fichas das localizacións, as fotografías e os enlaces de interese relacionados con ese lugar ou monumento. Este apartado complétase cunha sección de Mapas, dende a que o turista poderá consultar a súa posición respecto do resto de lugares do itinerario, ademais de poder xerar rutas para saber como acceder a eles. 

Para as persoas que non dispoñan dunha conta de datos nos seus dispositivos ou para os viaxeiros extranxeiros que queiran evitar as dificultades e o custo do roaming, este servizo conta cunha opción de envorcado que permitirá descargar a totalidade da aplicación ós seus dispositivos de xeito que poidan consultalos posteriormente sen conexión e de xeito gratuíto. Ademais, os usuarios disporán dun actualizador de descargas que os avisará das modificacións que se poidan rexistrar na información, de xeito que poderán ir actualizando os contidos e dispor así de información actualizada sen conexión.

Ademais, o viaxeiro terá a posibilidade de comentar nas súas redes sociais favoritas o seu viaxe e as experiencias que vaia vivindo na súa visita a Lugo, de xeito que se multiplicará a difusión dos monumentos e atractivos da nosa cidade. 

Información turística, cultural e comercial

Para que sexa unha ferramenta útil e completa, é preciso incorporar toda a información referida ao ámbito do turismo, da cultura e do comercio e que resulta útil para os turistas que nos visitan, e tamén para os cidadáns de Lugo. Por este motivo, esta aplicación deseñouse coa vontade de integrar tanto a información institucional, como a iniciativa privada co obxectivo de crear unha gran plataforma virtual da cidade.

Con este fin convidouse fai uns meses ás empresas vinculadas ao sector do turismo á que nos enviarán información para incoporar as súas fichas na aplicación. Esta convocatoria mantense aberta a todas as empresas e para facilitarlles o envío da documentación teñen a súa disposición un formulario on line que poden atopar nun botón da portada de www.lugo.es ou no sitio app.lugoturismo.com/inscripcion/ . Os interesados deben cubrir cos datos requeridos e cos que se creará unha ficha que poderá ser consultada polos usuarios da app.

Todas as seccións da aplicación están ligadas, favorecendo un acceso fácil ás detalladas fichas que se deseñaron para promocionar os lugares de interese turístico e cultural, os restaurantes, os hoteis e todos os eventos que se celebren na cidade.

ESTRUTURA DA APLICACIÓN

Disporá dun menú inferior onde se poderá acceder ás principais seccións. A aplicación partirá dunha zona de portada na que se destaca a última información recibida ou aquela que se quera promocionar. Ademáis desde esta zona de portada o usuario poderá descargarse todo o contido novo desde un punto wifi para manter actualizada a súa aplicación en aquelas zonas nas que no teña de conexión a internet.

SECCIÓNS DA APLICACIÓN

- Sección de información 
Trátase dunha ficha organizada de xeito que se pón a información máis útil á vista do usuario e que poida acceder a un maior detalle despregando os distintos apartados da ficha.

Os apartados da ficha de información son os seguintes:
1. Introdución: Breve descrición da cidade de Lugo.
2. Xeografía: Situación xeográfica da cidade e alrededores. Inclúe un mapa de ubicación da cidade.
3. Clima: Descrición do clima de Lugo nas distintas estacións do ano.
4. Accesos: Descrición dos puntos e medios de acceso á cidade.
5. Historia: Información e fotografías da historia de Lugo.
6. Muralla. Información sobre a Muralla de Lugo.

- Sección galería
Espazo onde se poden contemplar fotografías da cidade, de exposicións e acontecementos que se celebren.

- Sección guía turística
Nesta sección desenvólvese toda a información turística da cidade. Distribúese en 4 grandes bloques segundo a oferta e servizos que a cidade ofrece e, en cada un dos bloques se distingue unha zona de destacados que pode variarse segundo necesidades. Os bloques propostos son os seguintes:

1. "E para ver": acceso a fichas de lugares emblemáticos da cidade de Lugo.
2. "E para comer": acceso a fichas de restaurantes e lugares de comidas.
3. "E para durmir": acceso a fichas de hoteis e paradores.
4. "E para gozar": acceso a fichas de locais de lecer.

- Sección actividades
Nesta sección, a xeito de calendario, móstranse todas as actividades planeadas na zona. Se o usuario selecciona un día resaltado do mes pode ver a lista de actividades planeadas para ese día, e posteriormente acceder á información detallada de cada unha desas actividades. Se hai días que non teñen actividades non se resaltan no calendario.

Ademais, pódense visualizar todas as actividades nun modo lista, así como sinalar determinadas actividades como destacadas.

- Sección de itinerarios
É unha das seccións máis atractivas para o viaxeiro pois será a que máis utilice na organización da súa viaxe e durante a súa visita a Lugo. Trátase dunha pequena guía turística electrónica que levará ao usuario aos distintos puntos de interese que previamente marcou dende a sección "Guía Turística". A interacción entre as distintas seccións da app é continua pois cando o usuario chegue ás zonas marcadas no itinerario poderá visualizar automaticamente as fichas das localizacións, as fotografías e aos enlaces de interese sobre a localización.

Ademais o viaxeiro poderá comentar nas súas redes sociais favoritas o seu itinerario e as experiencias que vaia vivindo na súa visita a Lugo.

- Sección mapa
Dende aquí o usuario pode consultar a súa posición respecto ao resto de establecementos da ruta e consultalos de xeito moito máis visual, ademais de poder xerar rutas para saber como acceder a eles.

É unha sección que permite o acceso a fotografías e contido multimedia da cidade. Recóllense fotografías de alta calidade e tamén ilustracións e material gráfico que axude ao viaxeiro a coñecer a cidade e a visión que se ten dá cidade.

A sección contén unha parte social. Dende a app darase acceso á visualización das canles de fotografías dos medios sociais máis comúns (facebook, twitter, etc...) abertos polo Concello de Lugo para que os cidadáns poidan compartir ás súas experiencias cos demais viaxeiros e internautas.

Presuposto

O desenvolvemento desta aplicación fíxose en dúas fases e supuxo un investimento total de 19.937 euros.

Na 1ª fase, que tivo un custe de 10.620 euros, desenvolvéronse as seguintes actuacións:
- Recopilación e categorización de material turístico
- Desenvolvemento da app adaptada aos sistemas IOS  
- Desenvolvemento da app adaptada aos sistemas Android  
- Deseño Gráfico e Artístico
- Creación e adaptación de assets
- Desenvolvemento do xestor de contidos

Todo isto foi ampliado na segunda fase, na que se fixo un desembolso de 9.317 euros, co fin de ofrecer un servizo completo que facilite a descarga dos contidos no caso de non ter conexión a internet, favoreza a interacción do usuario coa deseño de itinerarios propios pola cidade adaptados ás súas preferencias e permita compartir as experiencias nas redes sociais. Por elo, desenvolveuse a segunda fase da app para rematar o proxecto definitivamente con estas tres actuacións claves que se enumeran a continuación:

1. - A sección de itinerarios
2. - O envorcado offline
Debido ás dificultades e o custo do roaming para aqueles usuarios estranxeiros que pretendan usar nosa aplicación na cidade, ou para aqueles que simplemente non teñan contratada unha conta de datos nos seus dispositivos, poñerase unha opción de envorcado que permitirá descargar a totalidade da aplicación aos seus dispositivos para a súa posterior consulta offline de xeito gratuíto.

Ademais un actualizador de descargas avisará aos usuarios de últimas modificacións na información para que poidan ir actualizando progresivamente os seus contidos e contar en todo momento con información actualizada sen conexión.

3.- A interacción de canles sociais 
Ademais o viaxeiro poderá comentar nas súas redes sociais favoritas o seu itinerario e as experiencias que vaia vivindo na súa visita a Lugo.

Trátase, por tanto, dunha ferramenta moi dinámica que ofrece aos turistas unha fonte de información áxil e de fácil consulta e sirve de plataforma de promoción gratuíta a todas as empresas vinculadas ao sector do turismo.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova