Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo garda loito polo accidente ferroviario de Santiago de Compostela


# Venres, 26/07/2013
A Corporación municipal secundou os cinco minutos de silencio que convocou hoxe a FEGAMP e tamén secundou onte o chamamento feito pola FEMP

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
 Lugo amosa a súa solidariedade e cariño ás vítimas e as súas familias e ofrece todo o seu apoio á capital de Galicia



O Alcalde accidental, Manuel Chaín, presidiu hoxe a concentración silenciosa convocada polo Concello como mostra de pesar polo tráxico accidente ferroviario rexistrado en Santiago de Compostela.

Na concentración, que tivo lugar ás doce e na que se gardaron cinco minutos de silencio, reuníuse a Corporación municipal ó pé da Casa do Concello e tamén participaron nela outras autoridades como o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e varios Deputados desta institución, así como traballadores municipais e veciños e veciñas de Lugo.

Manuel Chaín lembrou que a de hoxe é a segunda concentración silenciosa que leva a cabo a Corporación municipal de Lugo como sinal de dor polo triste suceso ocorrido en Compostela. 

O Concello atendeu hoxe o chamamento feito pola Federación Galega de Municipios e Provincias a todos os municipios de Galicia como xa secundara onte un minuto de silencio convocado a petición da Federación Española de Municipios e Provincias.

O Alcalde accidental explicou que os lucenses estamos conmovidos polas graves consecuencias deste dramático accidente ocorrido na capital de Galicia. 

Manuel Chaín expresou todo o apoio e solidariedade do pobo de Lugo coas familias das vítimas mortais e fixo votos polo pronto restablecemento de todas as persoas que resultaron feridas no suceso.

Chaín tamén amosou o apoio do Concello de Lugo á cidade de Santiago de Compostela e felicitou ó Concello e á cidadanía de Santiago pola grande demostración de civismo coa que reaccionou diante dunha catástrofe de semellante magnitude. 

Tan pronto se tivo noticia do suceso, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, puxo a disposición do Alcalde de Santiago de Compostela, Celso Currás, todos os medios dos que dispón o Concello de Lugo por se fora preciso facer uso deles.

Desde onte ondean a media asta as bandeiras na Casa do Concello, en sinal de loito, que se prolongará durante sete días.

Ademais, o Concello suspendeu diversos actos festivos organizados pola Concellería de Cultura, como unha actuación da Banda Municipal, onte pola mañá, e o concerto de West side Bones correspondente ó ciclo "Músicas ao teu carón", que se ía celebrar hoxe ás 21 horas na Praza do Campo. 

Asimesmo, o Goberno local suspendeu unha rolda de prensa que tiña previsto ofrecer esta mañá a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira. 

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova