Imprimir

CLAUSURADOS OS XII CURSOS DE VERÁN DE EDUCACIÓN VIAL QUE ORGANIZOU O CONCELLO COA COLABORACIÓN DA XEFATURA DE TRÁFICO


29/7/2013 O Alcalde considera imprescindible a formación dos rapaces para mellorar a seguridade vial

Este ano participaron 163 alumnos nos Cursos de verán do Parque Infantil de Tráfico

O Alcalde, José López Orozco, presidiu hoxe a entrega de diplomas ós alumnos dos XII Cursos de verán de Educación Vial, que se realizou nun acto, celebrado no Parque Infantil de Tráfico, no que tamén participaron o Subxefe provincial de Tráfico, Rafael Araújo, e membros da Corporación municipal.

O Alcalde destacou que para o Concello a formación dos rapaces é fundamental para facer máis segura a convivencia de peóns e vehículos na cidade e instou ós alumnos a “levar ás rúas o que aquí aprendestes”. Tamén lles lembrou “a importancia de respectar os semáforos, andar sen présas e ser prudentes”.

Por este motivo, o Concello de Lugo leva xa doce anos aproveitando as vacacións escolares para organizar cursos de seguridade vial nas instalacións do Parque Infantil de Tráfico nas que os rapaces e rapazas lucenses aprenden as normas de circulación e fan prácticas de condución segura de vehículos como karts, bicicletas e motocicletas, segundo as idades dos participantes.

Pola súa parte, Rafael Araújo incidiu na importancia que ten que todas as administracións se involucren á hora de ensinar educación vial aos máis pequenos xa que é a etapa na que se aprende a respectar as normas de circulación e dixo que “todo o que invistamos en educación será bó para o futuro”.

Este ano participaron nos Cursos de verán de Educación Vial 163 alumnos. 150 nenos e nenas con idades comprendidas entre oito e catorce anos asistiron ós cursos de karts e bicicletas e 13 rapaces de quince e dezaseis anos participaron nos cursos de ciclomotor, 7 deles aproveitaron o aprendido no Parque Infantil de Tráfico para optar á licencia para conducir ciclomotores.

As clases, tanto teóricas como prácticas, desenvolvéronse nas instalacións do Parque Infantil de Tráfico, que está situado na Antiga Frigsa, en horario de mañá e de tarde. Tiveron lugar dende o pasado 1 de xullo,  e impartíronse en grupos de menos de quince alumnos, agrupados en función das súas idades.