Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello contrata a redacción do proxecto para a modernización do o Mercado Municipal, o primeiro dos ambiciosos proxectos para o Mercado e a Praza de Abastos


# Martes, 30/07/2013
O Alcalde explicou que o Goberno local aposta pola modernización da Praza e o Mercado para axudar á dinamización económica do Casco histórico

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A reforma do Mercado Municipal suporá un investimento de 350.000 euros e vaise financiar con fondos do Plan Urban

A Concellería de Economía tamén traballa no Plan director da Praza de Abastos e na renovación da rúa Quiroga Ballesteros

O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, anunciaron hoxe un novo pulo para a dinamización económica do Casco histórico de Lugo.

O Concello acaba de contratar a redacción do proxecto para acometer unha importante reforma no Mercado Quiroga Ballesteros, que supón un novo paso na estratexia que se marcou o Goberno local para a modernización da Praza de Abastos e do Mercado Municipal.

Só na modernización do Mercado Quiroga Ballesteros, o Concello ten previsto investir 350.000 euros, financiados con fondos do Plan Urban, que cofinancia no 80% o FEDER da Unión Europea.

O Alcalde salientou que “a Praza de Abastos e o Mercado poden ter moito futuro e deben converterse nun foco de dinamización económica do Centro histórico de Lugo”.

Para elo, explicou o Alcalde, “agora que temos a oportunidade, grazas ó Plan Urban, levaremos a cabo dous proxectos que suporán unha transformación decisiva das dúas infraestruturas e do seu contorno, co obxectivo de poñelas ó día e convertelas nun centro de atracción para novos clientes”, igual que fixeron outras cidades como Madrid, Barcelona ou A Coruña con algúns dos seus mercados tradicionais.

A Concelleira de Economía, pola súa parte, explicou que a iniciativa presentada hoxe é “unha das patas deste gran proxecto integral que é a mellora da Praza de Abastos, do Mercado e do seu entorno”.

Trátase da redacción do proxecto para a reforma do edificio do Mercado da rúa Quiroga Ballesteros, que o Concello acaba de encomendar ó equipo de arquitectos lucenses Alba más Arias, que conta coa participación do arquitecto José Arias Jodán, bó coñecedor do Mercado, xa que foi o encargado da última remodelación do mesmo, feita en 1997.

As principais novidades deste proxecto de reforma son a creación dunha zona de "show cooking", para habilitar unha zona na que se poderán facer demostracións de cociña en directo, e tamén o deseño dun mobiliario específico que permita darlle distintos usos ó espazo central do Mercado.

O obxectivo é que ese espazo poida ser utilizado martes e venres polos postos tradicionais de venda de produtos da terra e, cando non sexa así, poder darlle a esa zona outros usos.

Está previsto que os mostradores para a venda do mercado tradicional sexan móbiles, de xeito que se poidan pregar e almacenar nunha dependencia os días que non haxa mercado ou eventos semellantes.

Desa maneira, na zona central do Mercado poderanse instalar mesas e cadeiras para uso dos negocios que ofrecen comidas ou distintos tipos de degustacións de xeito que os clientes poidan usalas para consumir produtos comprados ós praceiros.

A Concelleira de Economía destacou que iniciativas semellantes xa funcionan, con éxito, noutros lugares como o Mercado de San Miguel de Madrid. Tamén indicou que con estes cambios perséguese “atraer novos públicos ó Mercado municipal”, algo que xa comezou coa creación do mercado ecolóxico e, tamén, grazas ó tirón da Escola municipal de Música.

Ademais, este proxecto complétase con outras actuacións como a revisión de elementos estruturais como a cuberta, os sistemas contraincendios, de vixilancia e megafonía; tamén se fará un proxecto eléctrico novo que inclúa as necesidades establecidas na auditoría enerxética, que xa se está rematando neste edificio.

Están previstas, tamén, outras melloras como a renovación dos aseos, a instalación de wifi, a supresión de calquera barreira para facer accesible o edificio mesmo para persoas con problemas de visión e, ademais, o proxecto debe facer que o Mercado cumpla cos principios de aforro enerxético.

O Concello contratou a redacción do proxecto de modernización do Mercado cun presuposto de 17.110 euros e o prazo para telo elaborado é de dous meses.

Plan director da Praza

O Concello tamén traballa no Plan director da Praza de Abastos, que se vai aprobar dentro dunhas semanas, e no proxecto de renovación estética e dos servizos da rúa Quiroga Ballesteros.

Ademais estes días comezaron as obras para corrixir algunhas deficiencias urxentes tanto na Praza como no Mercado, que supoñen un investimento de 11.600 euros.

Outras iniciativas da Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos para a dinamización da Praza e o Mercado municipais son a creación dunha páxina web para a difusión das dúas infraestruturas e a venda de produtos por vía electrónica, así como a distribución de embalaxes de madeira para a comercialización de produtos autóctonos.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova