Imprimir

O CONCELLO E A PROTECTORA DE ANIMAIS ASINAN UN CONVENIO PARA FINANCIAR O PROXECTO DE ACOLLIDA E COIDADO DOS ANIMAIS E A SÚA IDENTIFICACIÓN MEDIANTE MICROCHIP


20/8/2013 O Concelleiro de Servizos Xerais salientou “a intención do Concello de estabilizar e ampliar esa colaboración”

O Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá, Manuel Núñez, e o Presidente da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, Javier Garcia Calleja, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para financiar parcialmente o proxecto de acollida e coidado de animais, campañas de publicidade e identificación de cans mediante microchip.

Desta maneira, o Concello comprométese a achegar a cantidade de 51.000 euros para levar a cabo a acollida e coidados de animais abandonados, campañas para fomentar hábitos sociais de respeto aos animais ou a identificación de cans polo procedemento do microchip. Dende hai preto de 16 anos o Concello colabora coa Sociedade Protectora de Animais a través de diferentes axudas e subvencións.

Manuel Núñez tamén anunción a intención do Concello de Lugo para prorrogar no tempo e ampliar esa colaboración entre ambas entidades xa que “consideramos que está facendo unha gran labor na proteción dos animais e de maneira altruista, desinteresada e sobretodo eficaz”.

Pola súa parte, Javier García Calleja, destacou a importancia da colaboración co Concello xa que lles permite levar a cabo as tarefas de recollida e atención aos animais e confía no compromiso para estabilizar esta relación entre ambas entidades.