Imprimir

O TRIATLÓN DO MIÑO CELEBRA ESTE DOMINGO O SEU 25 ANIVERSARIO COA PARTICIPACIÓN DE ATLETAS DE ÉLITE


22/8/2013 Nesta edición daranse cita máis de 300 triatletas na Área Recreativa de Os Robles

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, e os representantes da organización, José Martínez e Paco Villanueva, presentaron hoxe a XXV edición Triatlón do Miño que terá lugar o vindeiro domingo 25 de agosto na Área Recreativa de Os Robles, organizada pola agrupación deportiva FeFeMe, Federación Galega de Triatlón, Lodeco S.L. e Club Triatlón Cidade de Lugo Fluvial, en colaboración coa Área de Deportes do Concello de Lugo.

Grandío sinalou esta proba ”como unha das máis veteranas do deporte galego e español e na que participan deportistas de élite polo que debemos seguir cuidando este tipo de eventos deportivos”.

Esta será a última proba de clasificación para o Campionato galego de Triatlón no que participarán 325 triatletas de todas as idades e na que haberá 4 saídas. Na primeira,  unha proba popular para deportistas non federados e alevíns e benxamins, a partir das 10 da mañá. Ás 11:00 horas, será a saída da proba masculina A, cunha distancia spring, 750 metros de natación, 20 Km sobre a bici e 5 Km de carreira a pé. Ás 12:10 horas, será a saída da proba feminina, na que participarán 36 mulleres. Ás 12.30 horas será a saída masculina dos mellores deportistas galegos, na que participan 93 homes, polo tanto o final da competición xira en torno ás 13.30 horas.

Pola súa banda, José Martínez explicou que a natación será na Área Recreativa dos Robles, onde estará situada a transición, o ciclismo será un circuito a tres voltas polo Paseo do Ombreiro dende os Robles ata a estación elevadora, e a carreira a pé discorrerá polo Paseo Fluvial.

A recollida de dorsais será na carpa nas inmediacións dos boxes en Os Robles dende as 09.00 horas ata as 09.45 horas mentras que a dotación de premios será as 14.00 horas. Ós tres primeiros clasificados ou clasificadas de cada categoría outorgaráselles un trofeo mentras que nas probas femenina e masculina B os premios económicos serán de 500 euros, 300 euros e 150 euros respectivamente e os primeiros clubs 200 euros.

Na proba popular, a categoría infantil, cadete, junior, sub-23, absoluta e veterán, deberán recoller os dorsais na carpa da organización o propio domingo de 08.30 a 09.30 horas. Os premios ofertados para esta proba son trofeos para os tres primeiros de cada categoría e un agasallo conmemorativo da proba para todos os que rematen dita proba.