Imprimir

O SÁBADO CELÉBRASE NA PRAZA DE ABASTOS A FEIRA ECOLÓXICA DE LUGO


3/9/2013 O Concelleiro de Servizos Xerais e o Presidente de Craega presentaron hoxe a segunda edición de Ecolugo que estará aberta de 9.30 a 20.00 horas

O Concelleiro de Servizos Xerais, Manuel Núñez e o Presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, José Antonio Fernández, presentaron hoxe a segunda edición de Ecolugo, a Feira Ecolóxica de Lugo, que se vai celebrar este sábado, día 7 de setembro, na Praza de Abastos.

Manuel Núñez destacou que o Concello colabora na organización desta Feira co doble obxectivo de dinamizar a Praza de Abastos e de axudar a un sector potencialmente importante para o agro galego como é a agricultura ecolóxica.

“O principal propósito do Concello con iniciativas coma esta é o de abrir a Praza de Abastos a todo tipo de mercados e de clientes e que a celebración deste tipo de feiras nas instalacións municipais contribúa á dinamización da Praza e tamén do seu entorno”, explicou o Concelleiro de Servizos Xerais.

Salientou ademais que “o Concello de Lugo está interesado, tamén, en axudar a darlle un canle de distribución á agricultura ecolóxica que, nestes momentos, está en auxe e pode ser unha esperanza de futuro para o sector agrario galego”.

Manuel Núñez remarcou que “é unha boa nova nestes tempos de crise que a facturación de alimentos con selo ecolóxico se duplicara, aínda que o 75% dos produtos teñen que adicarse á exportación, polo que feiras coma ésta poden axudar a facer máis coñecidos entre os consumidores os produtos ecolóxicos”.

Pola súa parte, José Antonio Fernández agradeceulle ó Concello a cesión da Praza de Abastos para a celebración da Feira e salientou a satisfacción dos produtores que participaron na primeira edición de Ecolugo.

Respecto da marcha do sector da agricultura ecolóxica, o Presidente de Craega sinalou que, a final de 2012, había 607 produtores rexistrados en Galicia cun total de 15.242 hectáreas certificadas e unha facturación de 23.292.806 euros. Por produtos, o leite foi o que tivo maior facturación, con 9,5 millóns de euros. Tamén destacou que Lugo é a provincia con maior número de operadores inscritos e a que máis facturación rexistra.