Imprimir

O CONCELLO VAI COMPRAR DOUS NOVOS VEHÍCULOS PATRULLA PARA A POLICÍA LOCAL


4/9/2013

A Xunta de Goberno tamén aprobou as expropiacións da Calella do Hospital e tomou razón dunha sentenza que obriga a compensar ó Concello por danos que obrigaron a manter pechado un día o Edificio Administrativo municipal

O Concello vai adquirir dous novos vehículos radio patrulla con destino ó servizo de Policía Local, segundo anunciou o Voceiro do Goberno Local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, na rolda de prensa na que deu conta dos acordos adoptados hoxe pola Xunta de Goberno Local.

A Xunta de Goberno acordou abrir o procedemento para adquisición dos novos vehículos que terán un presuposto máximo total  de 60.000 euros. O prazo máximo de entrega dos vehículos establécese en 90 días naturais.

O Goberno local tamén tomou razón dunha sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 que lle deu a razón ó Concello nun recurso interposto contra unha decisión municipal referida á compensación económica polos danos que causou en instalacións do Concello a entrada de auga de chuvia durante a execución das obras de renovación de cuberta con aproveitamento para uso administrativo, rehabilitación de fachada e incorporación de galería no Centro de Servizos Municipais da Ronda da Muralla.

O importe total dos danos ocasionados ó Concello durante os días 3, 4, 5 e 6 de outubro de 2009 foi de 33.343 euros, parte dos cales foron polo día que perderon de traballar 175 empregados municipais.

O Concello avaliou ese día de traballo perdido en 17.059 euros que lle reclamou á empresa pero a mercantil interpuxo un recurso contencioso administrativo contra ese acordo municipal. Finalmente, o Xulgado do Contencioso nº 1 desestimou o recurso e a Xunta de Goberno Local acordou hoxe reclamarlle á mercantil o ingreso da cantidade mencionada en execución da sentenza, que xa é firme.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou definitivamente o proxecto de expropiación parcial do solo e das construcións apegadas ó Convento das Reverendas Madres Agustinas, na Praza de Santo Domingo, na Calella do Hospital e Carril do Son. A superficie total que se vai expropiar é de 639 metros cadrados e a valoración é de 142.388 euros.

Ademais, o Goberno local acordou estimar parcialmente a solicitude de retaxación da parcela número 1 afectada polo expedente de expropiación forzosa con motivo das obras para a supresión do paso a nivel de Renfe en Paradai, no punto kilométrico 432/700 da liña Palencia-A Coruña. Dacordo co informe emitido polo Xefe da Sección de Valoracións, a retaxación queda establecida en 507.475 euros.