Imprimir

OS COMERCIANTES DE LUGO SACAN AS SÚAS MERCADORÍAS Á RÚA NA TERCEIRA EDICIÓN DO MERCADIÑO STREET MARKET


5/9/2013 Carmen Basadre visitou os postos nos que se ofrecen todo tipo de produtos con descontos que chegan ata o 80%

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; acompañou á Presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Nora Real, e ó Presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, nunha visita por distintos postos participantes no Street Market, o mercado na rúa que se celebra durante toda a xornada de hoxe en Lugo.

O mercadiño, organizado pola Asociación de Autónomas que preside Nora Real, conta coa colaboración do Concello e a Deputación provincial xa que esta iniciativa contribúe a impulsar a actividade do sector comercial da nosa cidade.

Nesta feira participan 72 establecementos comerciais de todos os sectores, que sacaron as súas mercadorías á rúa e que están a ter unha grande acollida por parte dos clientes, xa que ofrecen os produtos que teñen á venda con atractivos descontos que chegan ata o 80% do seu prezo habitual.

O Street Market, que xa acada a súa terceira edición, permanece aberto dende as 11.00 ata as 20.00 horas, con horario ininterrumpido.
Os establecementos que se sumaron á iniciativa, ofrecen un amplo catálogo de produtos, que van dende o téxtil, complementos, calzado, lencería, xoias ou lentes, están identificados xa que instalaron unha mesa de cor laranxa diante dos seus locais.

Esta iniciativa, que chega a súa terceira edición, celébrase nos meses de maio e setembro coincidindo co remate das tempadas de inverno e verán. O obxectivo é atraer ó centro da cidade a lucenses e visitantes para que coñezan de preto o que ofrece o comercio lucense e animar as vendas no remate desta campaña de rebaixas.