Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo amosará o seu pasado romano e a festa do Arde Lvcvs en Roma


# Xoves, 05/09/2013
Carmen Basadre anunciou que a nosa cidade foi convidada a participar os días 14 e 15 de setembro nos Ludi Romani que se celebran na capital do Imperio  

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Concelleira de Cultura tamén anunciou a actuación de Les Tambours du Bronx para abrir as festas do San Froilán

O espectáculo terá lugar o venres día 4 de outubro ás 21.30 horas na Horta do Seminario



A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, anunciou hoxe que a cidade de Lugo terá ocasión de difundir o seu importante patrimonio cultural en Roma, a capital do antigo Imperio, xa que Lugo foi convidada a participar nos Ludi Romani.

Carmen Basadre anunciou que Lugo foi convidada a participar nos Ludi Romani, o Cuarto Festival Internacional da Cultura Romana, cun estand no Circo Máximo de Roma os días 14 e 15 de setembro.

“Esta será unha boa ocasión para divulgar, en Roma, que foi a capital do Imperio, a festa do Arde Lvcvs, e continuar así coa súa expansión, pero non só quedaremos aí xa que tamén aproveitaremos para dar a coñecer a nosa cidade e toda a riqueza do noso patrimonio”, explicou a Concelleira.

Basadre sinalou que Lugo foi convidada a participar nos Ludi Romani por Basileia, unha agrupación de asociacións da que forman parte os gladiadores de Bérgamo, que este ano participaron na festa do Arde Lvcvs.  

“É algo que para nós como cidade debe ser un orgullo, imos á capital do Imperio, onde presentaremos a nosa cidade e a nosa festa romana ó público e ós medios de comunicación”, explicou a Concelleira.

A delegación estará composta polo Alcalde, José López Orozco, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua e persoal de Xuventude. O Alcalde fará a presentación da cidade e a Concelleira falará do Arde Lvcvs. Ademais, no stand ofreceranse dípticos informativos en italiano, inglés e castelán, e material audiovisual sobre a Muralla, o Lugo romano e a festa de recreación romana.

San Froilán

A Concelleira de Cultura tamén anunciou que a festa de San Froilán comezará cun espectáculo internacional, Les tambours du Bronx, que actuarán o día 4 de outubro, ás 21.30 horas, na Praza da Horta do Seminario, con entrada libre.

“Teñen unha posta de escea impresionante e son un auténtico espectáculo”, anunciou a Concelleira.

Carmen Basadre explicou que “este grupo ten unha dilatada traxectoria, nestas semanas están facendo unha xira internacional, o día 13 de setembro van estar no Festival Rock in Río de Brasil, e teremos a oportunidade de velos en Lugo”.

Les Tambours du Bronx traerán a Lugo un espectáculo de word music, rock, tecno e afrobeat. Interpretarán ritmos e melodías de percusión con orixe urbana, moderna e industrial, cunha riqueza enérxica que golpea os bidóns a maior gloria da música. 

Ésta non será a última novidade do programa de festas do San Froilán, anunciou Basadre quen comunicou que o vindeiro luns vaise reunir a Comisión de festas. 

Ademais, a Concelleira de Cultura lamentou a falta de respecto institucional demostrada polo Partido Popular, ó que lle corresponde propoñer este ano o pregoeiro, xa que fixo público o nome antes de darllo a coñecer á propia Comisión, utilizando para difundilo “a vía do plasma, parece que é algo contaxioso nese partido”.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova