Imprimir

O CONCELLO PRESENTA ÓS PLACEIROS O ANTEPROXECTO PARA A REMODELACIÓN DO MERCADO QUIROGA BALLESTEROS


10/9/2013

Esta actuación forma parte dun ambicioso plan, financiado con fondos da Unión Europea, que suporá un investimento de máis de 2 millóns de euros na mellora do Mercado, a Praza de Abastos e a rúa Quiroga Ballesteros

O Alcalde, José López Orozco; os Concelleiros de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e de Servizos Xerais, Manuel Núñez, e a Deputada provincial de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, acompañados polos arquitectos Oscar Alba e José Arias Jordán presentaron hoxe ós comerciantes o anteproxecto para a remodelación do Mercado municipal de Quiroga Ballesteros.

O Alcalde destacou que esta actuación forma parte dun ambicioso proxecto que vai levar a cabo o Concello grazas ó Plan Urban, que cofinancia ó 80% a Unión Europea a través do FEDER.

“É unha oportunidade única que temos para acometer un proxecto deste calado”, dixo o Alcalde e explicou que “hoxe temos a posibilidade económica de desenvolver un plan integral para toda unha zona emblemática da cidade coa participación de moitos arquitectos lucenses e escoitando as necesidades e propostas dos comerciantes”.

O Alcalde animou a todos os placeiros a facer as suxestións que lles parezan necesarias para incorporalas ó proxecto de remodelación do Mercado municipal no que está previsto facer un investimento de 350.000 euros.

Este proxecto é só unha das actuacións previstas na zona, na que se acometerán investimentos por importe superior a 2 millóns de euros.

O plan inclúe a reforma de dous edificios emblemáticos como son o Mercado e a Praza, que van dispor dunha páxina web para a venta electrónica, a transformación da rúa Quiroga Ballesteros e de parte de Santo Domingo nun espazo compartido no que terán preferencia os peóns pero respectando as necesidades dos comerciantes, o plan de cor para os edificios da zona, a apertura da Calexa do Hospital, ademais doutras medidas do Plan Urban como son as axudas para abrir novos establecementos, subvencións para a mellora da imaxe dos negocios e achegas económicas para a instalación de terrazas.

O Alcalde explicou que “queremos poñer ó día o Mercado, facerlle un lavado de cara a fondo, pero imos máis aló xa que a gastronomía é un dos grandes valores de Lugo e o Mercado non debe permacer alleo a él”.
 
Por iso, o Concello encargoulle ó equipo redactor que o proxecto conxugue o comercio e degustación de produtos na zona central do Mercado onde se instalará mobiliario versátil que cumprirá unha doble función xa que poderá servir como postos para a comercialización de produtos e tamén como mesas cando non estean abertos os postos, para o consumo dos produtos adquiridos nas propias instalacións municiapis.

O proxecto tamén suporá a realización de traballos de adecentamento do Mercado como a mellora de baños, o pintado de paredes e un plan de recollida de residuos e a mellora da climatización.

O deseño do proxecto de remodelación do Mercado de Quiroga Ballesteros foille encargado ó estudo Alba y Arias, estudo do que forma parte Arias Jordán que foi quen deseñou nos anos 90 a última reforma do Mercado.