Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Máis de 2.000 persoas de distintas nacionalidades recibiron información sobre Lugo nos Ludi Romani, celebrados a pasada fin de semana en Roma


# Martes, 17/09/2013
O Alcalde e a Concelleira de Cultura encabezaron a delegación de Lugo que foi convidada a participar no Cuarto Festival Internacional da Cultura Romana

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Concello distribuiu información da cidade e do Arde Lucus ós visitantes do evento, que se celebrou no Circo Máximo de Roma

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, destacou esta mañá o éxito que supuxo para Lugo a súa participación nos Ludi Romani, o Festival da Cultura Romana celebrado nos últimos días en Roma.

Carmen Basadre manifestou que o balance da participación de Lugo neste evento “é sorprendente, no sentido positivo da palabra, xa que pasaron máis de 2.000 persoas polo noso estand, no que lles facilitamos ós visitantes folletos informativos, tanto da nosa cidade como da festa do Arde Lucus”.

“Foi positivo, tamén, nos contactos que fixemos, xa que mantivemos contactos con distintas asociacións, e con institucións como a Cámara de Comercio, o Concello de Roma e o equivalente á Deputación, con vistas a ter posteriormente relacións turísticas”, salientou a Concelleira.

Basadre explicou, ademais, que “como Roma é unha cidade moi turística, visitounos xente de Rusia, Xapón, da China, ingleses, alemanes, franceses, españoles de Madrid, de Andalucía e ata galegos que xa coñecían o Arde Lucus”.

O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, encabezaron a delegación da cidade de Lugo que participou durante a fin de semana nos Ludi Romani, o festival que se celebrou no Circo Máximo de Roma.

O Concello aproveitou o convite que recibiu a nosa cidade para participar nos Ludi Romani para darlle difusión ó patrimonio histórico e cultural que atesora Lugo grazas ó seu pasado romano e para dar a coñecer na capital do antigo Impero romano a festa do Arde Lucus.

O Concello montou un estand no Circo Máximo o sábado e domingo, no que se amosaron vídeos e se distribuiron folletos informativos en castelán, inglés e italiano tanto da cidade como da festa.

O Alcalde e a Concelleira de Cultura, que viaxaron a Roma acompañados de técnicos de Xuventude, foron os encargados de facer o domingo a presentación, tanto ó público como ós medios de comunicación.

Ademais do Concello de Lugo, no evento participaron institucións como o Concello e a Cámara de Comercio de Roma e diferentes asociacións de recreación histórica. Tamén houbo diversas actividades como recreacións de cómo eran os peiteados para as grandes ocasións na sociedade romana ou como se tecía. Ademais, participaron nesta feira as lexións militares, coas armaduras e formacións militares tal como eran nos distintos momentos dende a época republicana ata a imperial, e celébraronse espectáculos de gladiadores, nos que participaron membros do grupo Ars Dimicandi, que tamén estivo presente na última edición do Arde Lucus.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova