Imprimir

O LUNS ÁBRESE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NAS ACTIVIDADES SOCIOCULTURAIS QUE ORGANIZA O CONCELLO


23/9/2013 A Concelleira de Benestar Social e Igualdade organiza este curso preto de 120 actividades nas que está prevista a participación de máis de 2.300 veciños

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Ana González Abelleira, abrirá o vindeiro luns, día 23 de setembro, o prazo de inscrición para tomar parte na nova edición do programa de actividades socioculturais que organiza o Concello.

O programa de actividades socioculturais porase en marcha no mes de outubro e o curso rematará maio de 2014. O prazo de inscripción permanecerá aberto ata o venres día 30 de setembro. Os trámites realizanse nos propios centros sociais, en horario de 09:00 a 13:00. Os solicitantes deberán estar empadroados na cidade e as cotas oscilan entre a gratuidade e os 20 euros máximo.

A Concellería de Benestar Social e Igualdade oferta case que 120 actividades que se desenvolverán na rede municipal de Centros de Convivencia e está prevista a participación nelas de máis de 2.300 veciños.

Na presentación do programa, a Concelleira de Benestar Social e Igualdade salientou que “o Concello aposta polo ocio saúdable e por educar en  habilidades sociais que nos permitan mellorar un pouco a nosa vida cotiá polo que se crearon cursos adaptados ás circunstacias actuais”. Outro dos aspectos que subliñou é que un 20% das actividades están dirixidas exclusivamente aos maiores, aínda que tamén as hai exclusivamente para nenos e nenas de entre 4 e 15 anos.

O programa de actividades presenta este ano un total de 114 obradoiros dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas maiores de 65 anos, entre os que destacan os cursos de adestramento de memoria, o deporte da eterna xuventude denominado cachibol, bailes de salón, ou cursos de pintura e teas. Ademais, tamén se realizarán cursos de español para estranxeiros, de autocoidado e desenvolvemento persoal, e de relación co entorno dirixido a persoas chegadas doutros paises. As actividades agrúpanse en diferentes áreas que buscan desenvolver e aprender novas habilidades dos lucenses. 

Os máis cativos tamén poden escoller entre máis de 10 actividades distribuidas en diferentes áreas de actuación e nos que tamén poden atopar apoio escolar, baile ou teares e macramé.

As prazas adxudicaranse por sorteo público que se celebra o día 3 de outubro en cada un dos centros de convivencia municipal co seguinte horario:

- Centro de convivencia Fingoi: ás 09:00 horas
- Centro de convivencia Maruja Mallo: ás 09:45 horas
- Centro de convivencia Sagrado Corazón: ás 10.30 horas
- Centro de convivencia Milagrosa: ás 11:15 horas
- Centro de convivencia María Balteira: ás 12.15 horas
- Centro de convivencia Lamas de Prado: ás 13:00 horas
- Centro de convivencia Uxío Novoneyra: ás 13.45 horas

As persoas que obteñan praza nalgún dos obradoiros deberán efectuar o ingreso  da cota entre os días 3 e 15 de outubro.