Imprimir

O PLANO TURÍSTICO DE LUGO XA É ACCESIBLE PARA AS PERSOAS CON PROBLEMAS DE VISIÓN GRAZAS A UNHA INICIATIVA FINANCIADA POLO PLAN URBAN


24/9/2013 É un novo paso para facer de Lugo unha cidade accesible a todas as persoas, no que volven colaborar o Concello e a ONCE

O Alcalde anuncia que o Concello de Lugo concederalle a Medalla de prata da cidade á ONCE, que este ano celebra o seu 75 aniversario


O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, acompañados polo Director da ONCE en Lugo, Roberto Doval, presentaron hoxe unha nova iniciativa para dar un novo paso que faga da nosa cidade, e dos seus monumentos, un lugar accesible a todas as persoas.

Trátase dun plano do Centro histórico de Lugo que contén información turística e monumental, que é accesible para as persoas que teñen problemas de visión, xa que dispón de información en braille e os principais monumentos aparecen representados en relieve e a cor, para que os poidan distinguir tanto as persoas invidentes como aquelas que teñen algo de visión.

No acto de presentación, o Alcalde anunciou que o Concello vaille conceder a Medalla de prata de Lugo á ONCE como recoñecemento do labor que leva a cabo, coincidindo coa celebración, este ano, do seu 75 aniversario e do 25 aniversario da Fundación ONCE. O Alcalde explicou que a iniciativa de concederlle este recoñecemento, acordada polos tres grupos políticos que forman a Corporación municipal, será aprobada na vindeira sesión plenaria, no vindeiro mes de outubro.

O Alcalde tamén informou de que foron editados 200 exemplares do plano turístico, que tivo un custe de case 2.700 euros (ive incluído), que se distribuirán a través da ONCE, na Oficina Municipal de Turismo e nos hoteis.

Esta é unha nova iniciativa do Concello de Lugo para facer totalmente accesible a cidade, que se realizou con fondos do Plan Urban, cofinanciado ó 80% pola Unión Europea, e no que se volveu contar coa colaboración da ONCE. Esta entidade tamén participou noutros proxectos do Concello financiados polo Plan Urban como foron a información en braille que se incorporou na sinalización turística, en colectores soterrados ou nos xogos infantís instalados no paseo interior do Cantiño.