Imprimir

ESTE DOMINGO CELÉBRASE NA PRAZA DE ABASTOS A XXI FEIRA DO MEL DE LUGO QUE SE INCLÚE, POR PRIMEIRA VEZ, DENTRO DO PROGRAMA DE ACTOS DO SAN FROILÁN


3/10/2013 O Concello e a Deputación colaboran coa Asociación Provincial Lucense de Apicultores na organización da Feira que reunirá a unha vintena de expositores

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez; a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e o Presidente da Asociación Provincial Lucense de Apicultores, Pablo Piñeiro, presentaron hoxe a XXI Feira do Mel de Lugo.

O Concello e a Deputación coalaboran coa Asociación de Apicultores na organización desta Feira que se vai celebrar este domingo, día 6 de outubro, no soto da Praza de Abastos.

Sonia Méndez explicou que unha das grandes novidades desta edición é a inclusión do evento dentro do programa de festas do San Froilán, o que contribuirá a darlle máis difusión a unha feira xa consolidada e de gran prestixio, e fará que se acheguen a ela máis persoas que nunca.

Tamén destacou a Concelleira que “por segundo ano consecutivo se vai celebrar na Praza de Abastos, dado que traballamos coa idea de levar as maiores actividades posibles á nosa Praza de Abastos para contribuir á súa dinamización”.

“Esta Feira reúne o mellor mel da nosa provincia e é unha das principais feiras do mel de Galicia, polo que constitúe unha actividade moi acaída para celebrar na Praza, que é un mercado tradicional  moi vinculado co rural e a agricultura de Lugo”, salientou Sonia Méndez. 
Pilar García Porto, Deputada de Economía, Recadación e Facenda, subliñou que “o mel é unha oportunidade de negocio. Ós datos me remito. A apicultura xera un volume de negocio en Lugo de 4 millóns de euros, coa produción de 740.000 quilos de mel, que representan o 35% da produción total de Galicia. Esta feira serve para poñer en valor a calidade e as variedades da mel lucense, para recuperar a confianza neste sector como xerador de emprego". A Deputación colabora no evento achegando 6.000 euros, co que suma esforzos, un ano máis en impulso desta iniciativa, dentro da súa aposta polos produtos autóctonos para xerar riqueza.
Pola súa parte, Pablo Piñeiro destacou que nesta edición da Feira do Mel participarán 21 expositores de toda a provincia que poñerán á venda todo tipo de variedades de mel, dende a de eucalipto ata a multifloral. Tamén anunciou que ó final do día realizarase un sorteo entre as persoas que pasen pola feira.

A XXI Feira do mel terá lugar dende as 10.00 ás 19.00 horas, con horario ininterrumpido. A inauguración será ás 10.30 da mañá nun acto no que está prevista a actuación do grupo de música tradicional Reviravolta.