Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Heredeiros da Crus sustitúe a Les tambours du Bronx esta noite nas festas de San Froilán


# Venres, 04/10/2013
Presentarán o seu último disco, “Jard Rock con Fe”, ás 21.30 horas, na praza da Horta do Seminario nun concerto con acceso gratuíto

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, que dirixe Carmen Basadre, comunica que o grupo Heredeiros da Crus será quen abra esta noite o programa de concertos das festas de San Froilán.

Heredeiros da Crus actuará ás 21.30 horas no escenario da praza da Horta do Seminario, con acceso gratuíto. Este grupo foi contratado no lugar de Les tambours du Bronx, que se viu obrigado a cancelar a súa actuación por problemas coa sociedade de transporte brasiñeña, que lle ten retido o seu material escénico na aduana do Brasil.

O grupo Heredeiros da Crus presentará en Lugo o seu novo álbum “Jard Rock con Fe” (2013), que é o noveno álbum da banda de Ribeira e o primeiro traballo de estudo despois de dez anos. Este novo traballo segue na liña e o espíritu do rock bravú e gamberro co que revolucionaron a música galega nos anos 90 e que os fixo tan populares.

Heredeiros da Crus, formados en Castiñeiras, en Ribeira (A Coruña) en 1992 é todo un símbolo para milleiros de galegos e galegas dos anos 90 famentos de música e cultura coa que se identificar, grazas ás súas letras descaradas e divertidas, as súas guitarras poderosas, a fala natural e a súa actitude provocadora e irreverente, que seguen mantendo na actualidade e así o amosan nos temas do seu último disco.

En 1994 publican o seu primeiro disco “A Cuadrilla de Pepa a Loba”, un álbum que marcou un antes e un despois da historia do rock galego. Logo de converterse nun dos grupos insignia do mítico programa infantil da RVG, Xabarín Club, e despois de ofrecer ducias de concertos por toda Galicia e parte do estranxeiro, en 1996 publican o seu segundo disco “Está que te cajas¡”. Séguenlle “Criatura” e “Des Minutos”, en 1997; “Erecsiones Municipales”, en 1999; “Allright Chicago”, en 2000; “Recambios Tucho”, en 2001, e “Chicarrón”, en 2004. En 2005, o grupo retírase dos escenarios e cada un dos heredeiros comeza os seus propios proxectos musicais, para en 2012, cando se cumpren 20 anos do seu primeiro concerto na Dorna, volver ós escenarios e dalo todo.

Unha xira que empezou na discoteca LP45 Ordes (A Coruña) o 3 de marzo de 2012 cun concerto memorable para todos os asistentes, ó que lle seguiron actuacións nos principais festivais do país ese verán (Nordestazo Rock Feistival, Brincadeira, Derrame Rock, MusicWay. Rías Baixas e Arreocabo), en 2013 Heredeiros da Crus mantiveron a súa promesa de publicar un novo disco con doce temas inéditos: Jard Rock con Fe, presentado no verán de 2013.

E cos temas deste novo disco e cos clásicos de sempre, os membros da banda Heredeiros da Crus estarán esta noite na praza Horta do Seminario, a partir das 21.30 horas, para ofrecer un concerto memorable e con acceso gratuíto.

Les tambours du Bronx tivo que anular a súa actuación en Lugo ó non serlle posible desbloquear o problema que lle mantén retido o seu material escénico na aduana de Brasil dende o pasado 27 de setembro.

Comunicado oficial de Les tambours du Bronx:
http://www.sanfroilan.info/news/148/15/Concerto-de-Les-Tambours-du-Bronx/


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova