Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Hoxe comeza a semana de festas do San Froilán co desfile de gando, o pregón e o concerto de Heredeiros da Crus


# Venres, 04/10/2013
Carmen Basadre invitou a todos os veciños e veciñas e  visitantes “a que desfruten das numerosas actividades de rúa e concertos que vai haber na cidade durante esta semana”

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, invitou a todos os lucenses e visitantes a desfrutar das máis de 150 actividades que comezan hoxe con motivo do San Froilán.

Basadre destacou que “son unhas festas moi esperadas por todos asi que o único que desexamos é que as disfruten xa que tratamos de conxugar actividades para todas as idades e gustos” e lembrou que “tamén se vai conxugar a festa e os concertos co espazo para o descanso dos veciños”.

A responsable da área de Cultura matizou que “debemos ser conscientes todos que o San Froilán non só é unha festa, senón que é un motor económico moi importante para a cidade e que dá numerosos postos de traballo”.

Asi, as persoas que acudan ao San Froilán 2013, poderán desfrutar de máis de 150 actividades para todas as idades das que 120 son musicais que animarán as diferentes rúas da cidade, tanto no centro como nos diferentes barrios. Basadre tamén destacou que actúan preto de 40 grupos locais de diversos estilos musicais e que ademais de concertor realizarán os pasarrúas, charangas e grupos de música tradicional. Ademais tamén haberá teatro, danza, o tradicional desfile de gando, a feira medieval, bandas de música, ou espectaculos de lume.

As festas comezarán despois de que o pregoeiro, o xornalista lucense Jenaro Castro, dee o pistoletazo de saída a unha semana chea de concertos, animación, e polbo.

Heredeiros da Crus

O grupo Heredeiros da Crus ofrecerá o primeiro concerto do San Froilán, no que presentará o seu novo álbum “Jard Rock con Fe” (2013), que é o noveno álbum da banda de Ribeira e o primeiro traballo de estudo despois de dez anos. Este novo traballo segue na liña e o espíritu do rock bravú e gamberro co que revolucionaron a música galega nos anos 90 e que os fixo tan populares. O concerto terá lugar ás 21.30 horas na praza da Horta do Seminario, con acceso gratuíto.
 
Heredeiros da Crus, formados en Castiñeiras, en Ribeira (A Coruña) en 1992 é todo un símbolo para milleiros de galegos e galegas dos anos 90 necesitados de música e cultura coa que se identificar, grazas ás súas letras descaradas e divertidas, as súas guitarras poderosas, a fala natural e a súa actitude provocadora e irreverente, que seguen mantendo na actualidade e así o amosan nos temas do seu último disco.

En 1994 publican o seu primeiro disco “A Cuadrilla de Pepa a Loba”, un álbum que marcou un antes e un despois da historia do rock galego. Logo de converterse nun dos grupos insignia do mítico programa infantil da RVG, Xabarín Club, e despois de ofrecer ducias de concertos por toda Galicia e parte do estranxeiro, en 1996 publican o seu segundo disco “Está que te cajas¡”. Séguenlle “Criatura” e “Des Minutos”, en 1997; “Erecsiones Municipales”, en 1999; “Allright Chicago”, en 2000; “Recambios Tucho”, en 2001, e “Chicarrón”, en 2004. En 2005, o grupo retírase dos escenarios e cada un dos heredeiros comeza os seus propios proxectos musicais, para en 2012, cando se cumpren 20 anos do seu primeiro concerto na Dorna, volver ós escenarios e dalo todo.


San Froilán Miúdo

Dentro das actividades para os máis pequenos, a que se celebra o luns 7 de outubro  titulado Pavís, Pavós Contos para bebés, ten aforo limitado polo que todos os pais e nais que queiran asistir deberán retirar a entrada gratuíta quince minutos antes de cada unhas das funcións. Haberá 3 funcións unha as 17.00, outra ás 18.00 e outra ás 19.00 horas e en cada unha dela un máximo de 25 bebés.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova