Cargando....
Concello de Lugo
15/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Ofrenda a Rosalía de Castro


# Luns, 07/10/2013


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
"Olga Novo naceu na parroquia de Vilarmao, no concello da Pobra do Brollón, o ano 1975. Moi vinculada a Lugo, onde estudou e onde iniciou a súa vida literaria, é autora dalgún fermoso poema á nosa cidade, por exemplo “Lugo 1994”, que foi publicado por primeira vez na antoloxía Poetas en Lugo, editada polo noso concello no ano 2007. Licenciada en Filoloxía Galega, é profesora titular de ensino medio, e hai anos estivo de lectora de galego na Universidade da Alta Bretaña en Rennes.
A obra de Olga Novo, como poeta e como filóloga e ensaísta, é realmente moi importante. O seu libro Uxío Novoneyra: lingua loaira, publicado no 2005, recibiu o premio Ánxel Fole convocado por El Progreso e Caixa Galicia. Outras obras súas neste eido son O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (2008) e Erótica medieval galaica, que se acaba de publicar hai uns meses.
Se a obra ensaística de Olga chama a atención dos lectores pola súa intelixencia e agudeza crítica, a súa obra poética produce emoción e asombro nas persoas que a len. Os seus libros A teta sobre o sol, Nós nus ou A cousa vermella cimentaron a obra dunha gran poeta. Pero o seu último poemario publicado, no ano 2011, co título de Cráter, é realmente unha obra xenial, que moitos  consideran xa un dos grandes libros da poesía galega de todos os tempos.
A linguaxe sexista é singularmente tramposa, e se eu vos digo “Olga Novo é unha das máis grandes poetas galegas do noso tempo” poderíase entender que me refiro só ás mulleres, e sería unha verdade moi insuficiente. Vouno dicir logo doutra maneira que, a pesar de parecer machista, reflicte moito mellor a realidade: Olga Novo, tan nova como é aínda, é xa un dos mellores poetas galegos do noso tempo.
Por iso ninguén mellor ca Olga Novo para facer a ofrenda a Rosalía de Castro nun ano rosaliano moi especial, pois estamos a celebrar o século e medio, o sesquicentenario da publicación dos Cantares gallegos, libro fundacional da nosa literatura moderna. Olga Novo é o espírito poético e rebelde de Rosalía no noso tempo; e é tamén o poderoso xenio poético de Rosalía de Castro, orgullo da nosa patria, e por suposto, orgullo tamén da nosa condición feminina libre e liberada.
Con ela vos deixo aquí, neste fermoso parque que o nome de Rosalía de Castro fai sagrado. Bosque sagrado coma aquel Lucus ou Lugh que Olga Novo evocaba noutro vello poema seu titulado “Mírame, Lugh: a ti volvo”. Grazas, Olga, por seres como es, por escribires como escribes: a palabra é túa.  "


                        Rosalía Rosalía Rosalía


Por Olga Novo.


Mozas vestidas de domingo. Mozos festeiros do domingo das mozas. Fermosos vellos e vellas na sabedoría plena da vida. Xentes todas de dentro da muralla e de fóra, dos castros dos arredores e dos mares lonxanos. Xentes de aquí e de acolá, estranxeiros lonxe da súa patria e estranxeiras na nosa patria. Para todos falou Rosalía. Para todos fala a festa e para todos falan os recunchos amorosos neste parque íntimo á beira do río. Aquí, na poesía, cabemos todas e todos. Na palabra do parque aberta ás diversas ideas e pensamentos, presidido pola Poeta do pobo. Pola beleza da vida.

Agora que se cumpren 150 anos da publicación de Cantares gallegos, e aínda que tanto teñan aniversarios e efemérides porque o que importa está na palabra que queda, aquí estamos entregándoche estas flores. E este ramiño de palabras que dialogan coas túas, para mellorar o mundo, para negar a tristura, para ir con novas follas e cantares alegres na procura da paz:


Non negra sombra e si lúa luminosa.

No cimo daquil penedo cantando co moucho e non téndolle medo.

No que verdadeiramente importa.

Na paz das papas de leite e das sopiñas de viño.

No amor á beira da fonte.

Que canten os galos pró día tras pasa-la noite xuntos no amor que queiramos.

Non Santa nin nai de todos. Só radical e soa muller pensando o bo da vida.

Que levemos a estrela na fronte e no bico un cantar e no cantar un bico.

Que reluza a estrela e que guíe as mentes cara o progreso.

Ir ao muíño dos castañares a gozar do corpo. Polo vento. Polo aire. Pola liberdade.

Ir un paso adiante e outro máis, Galicia, con pés enxoitos e sin cansarme.

Ir cal loba polo Lugo do deus celta Lugh e mirar de preto o pasado.

Ir ó tocar do gaiteiro, toliñas, ir sen mal e voltar felices polo camiño de Bastavales a Lugo.

Ir ao barrio, ós barrios, amiga de todas, solitaria solidaria.

Non pecado, si goce. Non pecado, si vida. Non pecado, si beleza.

Non morrer de soidades senón vivir en boa compaña.

Non rezo. San Antoniño bendito non lle deades a ningunha muller un home que nos mate ou nos esfole. Eu amo e non teño amo, como di a miña amiga Carmen Blanco.

Imos sen dor ferida. Sen roubo. Sen choro. Sen mal do mundo. Sen cravo.

No lugar do teu cravo florecen estas flores que che ofrendamos.

Da rosa de cen follas non cae un pétalo pois alegría é unha planta perenne.

Que o noso corazón é unha rosa de cen follas, quitas unha quitas dúas, ledicias nos quedan de sobra.

Paseniño, paseniño, ir pola tarde calada camiño do meu contento.

E sentada estou mirando a miña Lúa medrar entre criaturas felices.


Corre o vento, o río pasa, miña casa, abrigo de todos. Casiñas pobres de pobos probes que se foron quedando nos ósos como dixo Novoneyra. Agora aquel teu pobo sen terra é a miña terra sen pobo.

Porque Aqués que tiñan sona de honrados na vila, deixáronnos sen vacas nin bois nin pote do caldo nin manta da cama: aldeas soas, meu regato de Lamelas onde xogaba de nena a mollar os pés, fontes onde levaba as vacas a beber, hortiña e figueiras ás que subía por comer as froitas do paraíso do meu pai, paxariños piadores, muíño da Herbosa, campás de Castroncelos, campás da neve do Courel, non digo un adeus chorando, pido que sigades vivindo. Miña casiña, meu lar. Porque anque che son da montaña, anque son montañesa, anque che son, non me pesa.


Airiños airiños aires levaime á poesía.

Non á negra sombra senón á sombra do aire na herba fermosa que cantou Pimentel.

Á cidade da Luz sen escuros presaxios.

Airiños airiños aires levaime ao Carril dos Hortos de Ánxel Fole cantor da terra brava e levaime ao Lugo Libre de Claudio Rodríguez Fer. Levaime soa na beleza soa.


Leivaime coa Poesía profunda porque aqués que tiñan sona de honrados na vila mataron a poesía curativa do Doutor Vega Barrera. E inda camiñamos por rúas de nomes tenebrosos, que non che digo nada, pero vaia...


E inda preguntamos onde está Rosalía. Onde estás hoxe. Estás e non estás nunha estatua nun parque. Estás na marxe máis marxe que sofre. Nos desherdados polo capital. Nos sen teito. Nos pés parias. Non sen leite. Nos sen traballo. Nos sen casa. Nos sen nada. Porque aqués que tiñan sona de honrados na vida exerceron o seu Poder en todas partes. E Hoxe estás nos que están na cola do paro, na cola dos comedores sociais, e estás sobre todo estás nas mans solidarias que practican a revolución poética día a día, dando de si todo. Porque non é poeta tan escribe poesía senón quen a vive e a crea.

Ti preguntabaste:

Daquelas que cantan as pombas e as frores

todos din que teñen alma de muller.

Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma,

ai, de que a terei?

E respóndoche neste parque de Lugo Rosalía muller doutrora poeta do pasado e do futuro, respóndoche coa miña volvendo á túa canción:

tés a alma de todo o que virá, o bo da vida que queremos, e que fica oculto no máis fondo da verdade das túas palabras. O amor. A beleza. A Liberdade: a vida plena
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova