Imprimir

A XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE CELEBROU HOXE UNHA REUNIÓN EXTRAORDINARIA NA QUE SE ACORDOU INVESTIGAR SE ALGUÉN COMERCIOU CO SOLO PÚBLICO COMO PUBLICARON OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN


9/10/2013  

O Alcalde, José López Orozco, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, presidiron hoxe unha reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade na que tamén participou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre.


O Alcalde anunciou que, na reunión, acordouse “pedir un informe tanto á Policía Local como á Policía Nacional para comprobar se é certo que, como publicaron os medios de comunicación, determinadas persoas venderon espazo público”. O obxecto desta investigación é “verificar ese feito e, unha vez comprobado, darlle os efectos oportunos, como sería poñelo no coñecemento da Fiscalía”.

Tamén explicou López Orozco que, na sesión, deuse conta de todas as actuación que levaron a cabo as distintas forzas de seguridade que colaboran no dispositivo das festas desque comezou o San Froilán.

Indicou ademais que se van reforzar os esforzos para mellorar no posible a coordinación que xa se está producindo, co fin de evitar calquera problema de seguridade durante as festas.

Pola súa parte, o Subdelegado do Goberno indicou que a de hoxe foi unha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, que se celebrou a petición do Alcalde, para intentar mellorar a coordinación e asegourou que “intentamos apoiar todas as actuacións da Policía Local no referido ó ordenamento da venda ambulante, ademais de perseguir os delictos de fraude e contra a seguridade cidadá”. 

Ademais, Ramón Carballo destacou que xa plantexou hoxe a celebración dunha nova reunión da Xunta Local de Seguridade, que se celebrará tan pronto remate o San Froilán, para prevenir e evitar problemas coa venda ambulante durante todo o ano e nas festas do ano que vén.

A reunión, que inicialmente estaba prevista para onte tivo que adiarse ata hoxe por motivos de axenda, e celebrouse na Casa do Concello con asistencia de mandos das distintas forzas de seguridade.