Imprimir

O CEI-NODUS CONTA CUNHA NOVA EMPRESA DE ASESORAMENTO, VENDA E CREACIÓN DE PRODUCTOS NA WEB CHAMADA BRINGMOTION


10/10/2013

O Centro de Empresas e Innovación (CEI- Nodus) dependente da Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos, que dirixe Sonia Méndez, conta cunha nova empresa innovadora no seu viveiro denominada BringMotion. Trátase dunha axencia de contidos creada en Lugo por David Valín e Eva Diéguez.

BringMotion está especializada na produción de contidos e venta de licenzas web a través de Internet, ademais de dispoñer de licenzas de baixo custo para usos comerciais e editoriais. Ademais conta con equipos audiovisuais, vídeos e imaxes en alta definición, vectores e equipos de deseño que permiten desenvolver paquetes completos de contidos con todas as garantías para as empresas que precisen destes servizos.

Un dos seus creadores, David Valín, explicou que  “é como iniciar o teu propio negocio agora mesmo pero sen arriscar diñeiro xa que nós ofrecemos a orientación e as ferramentas para poñer en marcha negocios de ventas a través de internet”.

O usuario pode buscar e comprar os contidos dispoñibles ou facer unha petición a BringMotion, para que sexa a axencia quen busque os mellores contidos para o seu caso e lle ofreza propostas coas que mellorar as vendas por internet.