Imprimir

O CONCELLO DE LUGO TOMARÁ MEDIDAS ANTE O ANUNCIO DE QUE A XUNTA NON FARÁ O MUSEO DA ROMANIZACIÓN


15/10/2013 O Alcalde de Lugo así o anunciou nunha visita as obras de mellora do Museo de San Roque das que o Concello se tivo que facer cargo por deixadez da entidade autonómica

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, visitaron as obras de mellora que se están levando a cabo no Museo de San Roque.

López Orozco sinalou que “agardamos que estas obras sexan as definitivas e todos os veciños e visitantes poidan disfrutar deste espazo arqueolóxico” ademais lembrou que “son unhas obras que o Concello non recibira porque se constatou que non quedaran ben como demostran as humidades que había”. Desta maneira, o Concello faise cargo dun 50% do presuposto das obras como se acordara nun convenio coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Dende o Concello agárdase que se poida abrir ao público unha vez rematadas as obras de impermeabilización e reparación de humidades que se contempla para dentro dun mes e que contaron cun presuposto total de 59.000 euros.

Neste sentido, o Alcalde, reflexionou sobre o feito de que sexa o Concello quen teña que asumir continuamente as tarefas que a Xunta queda de facer e non fai como pode este Museo de San Roque ou a volta atrás sobre o Museo da Romanización.

Museo Romanización

No acto, o Alcalde de Lugo, tamén se referiu á estupefacción que lle causaron as palabras da Directora Xeral de Patrimonio ao anunciar que non se ían facer as obras para a creación do Museo da Romanización. “Nunca vin deslealdade institucional como a que están facendo con este convenio e que agora queren transformar nun protocolo pero que non se esquezan que está asinado por tres Conselleiras” ademais de que a Xunta de Galicia fixo un gasto importante no proxecto. “Non ten sentido que agora paren a obra cando o Concello fixo todos os trámites que nos pediron ademas de levar a cabo tarefas de mantemento ante o abandono da Xunta” segundo López Orozco.

O Alcalde tamén anunciou as medidas que vai adoptar o Concello “e vaise a convocar o Consello Económico e Social onde lles vou explicar todos os pasos que se deron neste tema e posteriormente manterei unha reunión coa Unión de Asociacións de Veciños para explicarlles como está o tema”. Outra das medidas será presentar unha iniciativa no Parlamento para que se comprometan a incluir unha cantidade de diñeiro nos próximos orzamentos.

“Podo comprender que non sexa de xeito inmediato pero non pasa nada porque sexan en diferentes anualidades pero cando menos deben facer unhas obras de consolidación para que o edificio que eles declararon Ben de Interese Cultural non se caia ao chan” manifestou o Alcalde de Lugo.