Cargando....
Concello de Lugo
13/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Cemiterio Municipal de San Froilán acollerá distintas actividades para celebrar o Día de Defuntos


# Mércores, 16/10/2013
Manuel Núñez presentou a I edición do Concurso fotográfico sobre o Cemiterio Municipal e a celebración da Andaina ao longo do Camiño Primitivo

Imaxe Asociada
O Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá tamén presentou varias actividades coas que se celebrará o Día de Defuntos


O Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá, Manuel Núñez, presentou esta mañá varias actividades relacionadas co Cemiterio Municipal para “facer que dalgunha maneira a relación entre veciños e cemiterio sexa diferente ao habitual porque queremos sacar esa idea de que é un espazo escuro”.

Así, presentou o I Concurso fotográfico sobre o Cemiterio Municipal, co cal se pretende dar prestixio e potenciar a imaxe do recinto do Cemiterio de San Froilán, e dos seus aspectos monumentais, paisaxísticos e incluso emocionais a través das “estampas de paz e acougo”. O prazo para inscribirse neste concurso será dende o 28 de outubro ata o 5 de novembro. Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías inéditas e orixinais para este evento; non poderán estar publicadas en calquera medio con anterioridade á data de convocatoria. As fotografías poderán realizarse pola persoa concursante no horario de apertura ao público do recinto, que o día 4 será ampliado ata as 21 horas a fin de facilitar a toma de imaxes nocturnas.

Neste concurso fotográfico establécense dous premios, un primeiro premio de 200 euros e un segundo de 100 euros máis trofeos en ambos casos. A entrega de premios farase o día 12 de novembro no transcurso do Concerto da Lembranza 2013 que terá lugar na capela do Cemiterio Municipal de San Froilán
As obras presentadas serán expostas no propio Cemiterio xunto cunha pequena mostra da colección de fotografías de cemiterios europeos que no seu día se expuxeran no MIHL.
Andaina Camiño Primitivo
Outras das novidades deste ano é a organización dunha Andaina ao Cemiterio de San Froilán ao longo do Camiño Primitivo. Os asistentes estarán acompañados por unha guía que irá narrando os seus aspectos máis relevantes e de maior interese tanto do percorrido como do entorno do propio Cemiterio.
A Andaina, que se celebrará o día 3 de novembro, partirá ás 10:30 horas da Porta do Carme e pasará pola Ponte Romana e San Lázaro para chegar ao Cemiterio. O regreso farase de maneira gratuíta no bus urbano con parada no Cemiterio ás 13:00 horas.
Trátase dunha actividade gratuíta e para participar cómpre inscribirse no teléfono 010 do Concello de Lugo.

Festividade de Santos
Para conmemorar a festividade de Santos, o día 1 de novembro, terá lugar a actuación do grupo de música clásica Stranniki no Cemiterio Municipal ás 12.00 e as 17.00 horas, que acompañará ás persoas visitantes nos seus momentos íntimos de lembranza e de recordo de familiares e amigos falecidos.

Como ben sendo costume o día 2 celebrarase a ofrenda que a Corporación Municipal fai a todos os defuntos, que tamén estará acompañada por unha actuación musical interpretada polo grupo Stranniki.

O Concelleiro de Servizos Xerais tamén explicou que este ano se vai celebrar o 12 de novembro o Concerto da Lembranza, que contará, na súa segunda edición coa actuación da coral Lugh, co grupo de música clásica Stranniki e con lecturas adicadas aos nosos devanceiros, avós e avoas, figuras tan entrañables na vida de todos e todas e aos que neste ano queremos dedicar o noso máis tenro recordo e agradecemento.

Por último, como froito dun convenio de colaboración entre o Concello e a USC, está prevista a realización dunha conferencia o día 21 de novembro que versará sobre o cemiterio e que será impartida pola profesora Ana Goy.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova