Imprimir

A PRÓXIMA VISITA DO PLAN TURÍSTICO TERRAS DA AUGA E CULTURA REALIZARASE ÁS PARROQUIAS LUCENSES DO BURGO E SAN XOÁN DO ALTO


22/10/2013 O prazo para inscribirse está aberto ata o sábado 26 ás 14.00 horas no teléfono de atención cidadá 010 ou na Oficina Municipal de Turismo

O próximo domingo 27 de outubro terá lugar a próxima visita organizada dentro de "Terras de Auga e Cultura". Trátase dun programa de promoción turística da zona rural de Lugo, O Corgo e Rábade. Nesta ocasión a visita realizarase ás parroquias lucenses do Burgo e San Xoán do Alto. O prazo para inscribirse está aberto ata as 14:00 horas do sábado 26 de outubro, segundo informa a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua.

Os participantes realizarán un percorrido que comezará cunha visita á igrexa de San Vicente do Burgo, unha andaina polos camiños desta parroquia e unha visita a capela de San Bartolomeu. Despois poderán xantar no mesón As Searas e haberá unha andaina polo Camiño Primitivo dende O Burgo ata San Xoán do Alto, para finalizar cunha visita ás aldeas de Seoane e Vilaestévez.

A saída será ás 10:30 horas da zona peonil da Ronda da Muralla (á altura da Porta de Bispo Aguirre) e a volta sobre ás 18:30 horas. Recoméndase o uso de roupa e calzado cómodo para camiñar. Non son traxectos duros nin longos, polo que está recomendado para todos os públicos.

O xantar terá lugar no mesón As Searas, que ofrecerá aos participantes un menú de 10 euros. Os que o desexen tamén poden levar comida e bebidas propias.

Son visitas gratuítas e para a deste domingo, os interesados poden inscribirse ata as 14:00 horas do sábado 26 de outubro a través do teléfono de atención cidadá 010 (982 297 350 para chamadas de fóra de Lugo) ou na Oficina Municipal de Turismo (982 251 658).