Imprimir

O ALCALDE DE LUGO É O PRIMEIRO EN COÑECER A POSICIÓN DE CCOO GALICIA ANTE A REFORMA DA ADMINISTRACIÓN LOCAL


28/10/2013  

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo unha reunión esta mañá con membros do sindicato Comisións Obreiras de Galicia dentro da campaña de defensa dos servizos públicos municipais que están levando a cabo o sindicato por toda Galicia, e que hoxe comezaron en Lugo.


Desta maneira, o Secretario Xeral da Federación de Servizos á Cidadanía, Ramiro Otero, o responsable da Administración local, Xan Caneda, e secretaria de Emprego e Institucional, Maica Bouza, explicaron que o sindicato rexeita a reforma que intenta levar a cabo o Goberno porque precariza o emprego, deteriora os servizos públicos, centraliza e invade competencias autonómicas e é incompatible coa Carta Europea da Autonomía Local, ratificada por España en 1988.

López Orozco destacou que “estou totalmente dacordo coas descricións que aportan e esta reforma da administración local vai ter consecuencias moi graves para a maioría dos concellos de Galicia que teñen ademais pouca poboación  cando se sabe que o problema non somos os Concellos”.

Ademais, tamén presentaron un estudo sobre a débeda das administracións e no que queda patente que representa só o 4% do total da débeda e que perxudicaría especialmente a Galicia xa que pon en risco a prestación de determinados servizos públicos especialmente cando os concellos galegos están entre os menos endebedados do Estado tanto en termos absolutos como en datos de débeda por habitante.