Imprimir

O CONCELLO DE LUGO CONTRATA A REALIZACIÓN DO PROXECTO DE ESTUDOS E PROPOSTAS TÉCNICAS PARA REFORMAR A PRAZA DE ABASTOS


13/11/2013 O proxecto foi adxudicado a Mercasa, unha empresa pública con moita experiencia e que permitiu acometer un gran número de proxectos de modernización de mercados en toda España

O Concello de Lugo aprobou a contratación do proxecto de estudos e propostas técnicas para reformar a Praza de Abastos na Mesa de Contratación celebrada esta mañá. Estas obras foron adxudicadas a Mercasa, que é a empresa pública de mercados pertencente ao Ministerio de Industria, por un importe de 82.200 euros.

O proxecto contemplará un plan de rehabilitación integral do edificio, que prevé o cambio da cuberta, a renovación dos aseos, un sistema contraincendios, a reforma do saneamento, o adecentamento da fachada, a revisión do sistema eléctrico, a eliminación das barreiras arquitectónicas, a distribución do espazo do soto, a renovación do sistema de información dos postos, a instalación de WiFi e dun sistema de climatización. Ademais o proxecto inicial conta cunha escaleira mecánica para unir o soto da Praza de Abastos coa planta principal.

No mes de decembro comezará o prazo para a redacción do proxecto definitivo que terá un prazo máximo de 4 meses, que inclúe un período de consultas aos comerciantes. O proxecto de rehabilitación executaráse con cargo ao Plan Urban, que está financiado nun 80% con fondos europeos e nun 20% con fondos do Concello e da Deputación Provincial.

O proxecto de mellora da Praza de Abastos, do Mercado Municipal e do seu entorno tamén integra outras importantes actuacións como a humanización da Rúa Quiroga Ballesteros, así como a posta en valor dos seus edificios e o plan de color do Proxecto ICOR realizado polo Colexio de Arquitectos. Ademais este proxecto tamén contempla a mellora das ventas e da calidade alimentaria, ou a implantación do comercio electrónico.