Imprimir

CARMEN BASADRE PRESENTOU UNHA NOVA EDICIÓN DE XUVENLUGO CUNHA OFERTA DE OCIO ALTERNATIVO PARA NENOS E NENAS


14/11/2013 Ademais salientou que o día 10 de xaneiro será entrada gratuita para todos os veciños e veciñas da cidade de Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, presentaron unha nova edición de Xuvenlugo, unha alternativa de ocio para os máis pequenos durante os meses de inverno.

O Xuvenlugo comezará a fin de semana do 30 de novembro e abrirá as súas portas todas as fins de semana de decembro e xa coas vacacións de Nadal dos nenos e nenas abrirá todos os días ata o 4 de xaneiro, e finalmente, rematará a fin de semana do 12 de xaneiro.

“O día 10 de xaneiro será o día adicado ao Concello e polo tanto todos os nenos e nenas entrarán de maneira gratuita para que poidan desfrutar das actividades de ocio” segundo anunciou Carmen Basadre. Ademais destacou que “este nadal en donde non só os rapaces de lugo senon de toda galaicia estan invitados a compartir uns espazos para divertisir e pasolo ben e onde haberá actividades para todas as idades dende os 0 meses.”

Pola súa parte, Rubén López, xerente da Fundación Feiras e Exposición de Lugo, sinalou que “a colaboración coas administracións fai posible que o prezo da entrada siga igual que hai cinco anos e sexa de cinco euros”. Ademais explicou que como todos os anos se inclúen novidades entre as que destaca unha pista profesional de karting para os máis maiores. Tamén lembrou que os dias 13 de decembro e 10 de xaneiro será día de portas abertas no que todas as familias poderán acudir a Xuvenlugo de balde.

Nesta edición, Xuvenlugo, que conta con máis de 10.000 m² de zona de ocio e xogos, estará dividido en tres partes: unha área lúdica cun espazo infantil con inchables e xogos para os máis pequenos, un espazo de animación con obradoiros de manualidades, zona de xogo musical interactivo, circuíto de minigolf e videoxogos;  un espazo adicado ás atraccións mecánicas; e unha área deportiva que disporá dunha pista de slot, unha pista profesional de karting, e unha pista infantil de karts.