Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Ábrese o prazo de inscrición no obradoiro radiofónico sobre música e valores organizado polo Concello de Lugo e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade


# Xoves, 21/11/2013
Esta actividade de sensibilización desenvolverase entre os días 2 e 5 de decembro no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra da man da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios

O Concello de Lugo vén de abrir a inscrición no obradoiro de radio para a formación en valores a través da música, e que se impartirá os días 2 e 5 de decembro. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade promove en dez dos seus concellos socios esta actividade de sensibilización impartida pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). O obradoiro de Lugo, que conta con 15 prazas dispoñibles e vai dirixido a persoas a partir de 16 anos, desenvolverase no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra de 16 a 19 horas. A inscrición pode formalizarse nas propias instalacións do centro antes do día 30 de novembro.

A iniciativa busca sensibilizar á cidadanía sobre os Dereitos Humanos e os Obxectivos do Milenio, fomentando á vez as habilidades de participación, a través da comunicación para o desenvolvemento. Nas capacitacións adquiriranse as destrezas básicas para elaborar unha peza radiofónica na que se reflexionará mediante a música arredor de temas como a igualdade, a convivencia pacífica, as causas da pobreza ou o coidado do medio ambiente. O apartado musical pode complementarse con entrevistas, enquisas na rúa, faladoiros, etc.

Os obradoiros teñen unha duración de seis horas estruturadas en dúas xornadas. Na primeira impartirase unha introdución ao medio radiofónico para coñecer as súas características, a linguaxe ou os xéneros xornalísticos, amais de explicar os ODM e os DDHH. Na segunda sesión poranse en común as cancións recompiladas, para logo realizar guión e a gravación. O espazo resultante emitirase en Agareso Radio e colgarase na web www.fondogalego.org  como podcast, e ademais cederase ás canles locais. A actividade encádrase no Plan de Sensibilización do Fondo Galego e conta co apoio da Xunta de Galicia.
 
Obxetivos que persegue o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova