Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O venres 6 de decembro realizarase unha visita do plan turístico Terras da Auga e Cultura ás parroquias lucenses de Prógalo, Santalla de Bóveda, Bacurín e San Pedro de Mera


# Xoves, 28/11/2013
Os interesados poderán inscribirse ata o xoves 5 de decembro ás 14.00 horas no teléfono de atención cidadá 010 ou na Oficina Municipal de Turismo

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, informa que xa está aberto o prazo de inscrición ata as 14:00 horas do xoves 5 de decembro para participar nunha nova visita turística organizada dentro de Terras de Auga e Cultura, un programa de promoción turística da zona rural de Lugo, O Corgo e Rábade. Esta actividade terá lugar o próximo venres 6 de decembro e a visita realizarase ás parroquias lucenses de Prógalo, Santalla de Bóveda, Bacurín e San Pedro de Mera.

O percorrido que realizarán os participantes comezará cunha visita á parroquia de Prógalo, onde poderán ver o castro e a igrexa, despois farase un paseo dende Prógalo ata Santalla de Bóveda, para realizar unha visita ao Templo desta parroquia. Na aldea de Bóveda collerase o sendeiro do Vello Lugo Agrario e farase a ruta completa ata regresar ao punto de partida. De volta en Bóveda visitaranse as aldeas de Valín e Vilar. Despois de xantar finalizarase realizando un percorrido polos lugares máis interesantes da parroquia de San Pedro de Mera.

A saída é ás 10:30 horas da zona peonil da Ronda da Muralla (á altura da Porta de Bispo Aguirre) e a volta sobre ás 18:30 horas. Recoméndase o uso de roupa e calzado cómodo para camiñar. Ademais nesta visita, como se fan tramos de estrada, é recomendable levar algún elemento reflectante.

O xantar terá lugar no Mesón de Crecente, que ofrecerá aos participantes varios menús de 10 e 15 euros. Os que o desexen tamén poden levar comida e bebidas propias.

Son visitas gratuítas e as persoas interesadas poden inscribirse ata as 14:00 horas do xoves 5 de decembro a través do teléfono de atención cidadá 010 (982 297 350 para chamadas de fóra de Lugo) ou na Oficina Municipal de Turismo (982 251 658).


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova