Cargando....
Concello de Lugo
13/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Goberno local presenta o proxecto de Orzamentos para 2014 que ascenden a 93,7 millóns de euros


# Xoves, 12/12/2013
O Alcalde destaca que son semellantes ós de este ano na cuantía e nos seus obxectivos de primar as políticas sociais, a dinamización económica e a mellora da calidade de vida dos lucenses

Imaxe Asociada
O Concello consolida a aportación extraordinaria deste ano a emerxencia social e axuda o alugueiro e adica un total de 7,5 millóns a programas sociais

Medra un 147% o gasto en obras e investimentos

López Orozco presentou o documento esta mañá ós Grupos políticos e confía en chegar a acordos basados no entendemento das partes



O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, deron a coñecer hoxe o proxecto de Orzamentos do Concello de Lugo para 2014 nunha rolda de prensa posterior á presentación do documento ós Grupos políticos da Corporación.

O Alcalde informou de que o proxecto de Presupostos para o ano que vén ascende a 93.700.000 euros, unha cifra semellante a de este ano xa que diminúen só en 900.000 euros, o que representa un 0,97%.

López Orozco salientou que “son semellantes na cuantía e tamén, máis importante aínda, na súa filosofía, nos obxectivos, porque son uns Orzamentos volcados, sobre todo, no gasto social e na dinamización da economía local, procurando tamén atender o obxectivo de que os lucenses gocemos dunha boa calidade de vida a pesar dos tempos que corren”.

“Dámoslle prioridade a atender ás persoas máis necesitadas neste momento de crise económica e que son máis vulnerables, por solidariedade e por xustiza”, manifestou o Alcalde.

López Orozco remarcou que esto “non son palabras senón que son feitos e a proba delo é que para 2014 queda consolidado o aumento excepcional que fixemos este ano para investir máis en políticas sociais, sacando cartos dos aforros que tiña acumulado o Concello”.

Explicou o Alcalde que “como a situación económica continúa a crear dificultades a moitas familias, decidimos que o que era excepcional para un ano quede consolidado no Orzamento de 2014”. Neste sentido, para 2014 o proxecto de Orzamentos aumenta, respecto do inicialmente presupostado no 2013, un aumento do 62% na Emerxencia Social (260.000 euros) e un aumento do 55% nas Axudas Alugueiro (450.000 euros). Tamén medran un 40% a partida para o Servizo de comidas Fogar do Transeúnte porque aumenta demanda, un 13% a de actividades extraescolares, un 10% o previsto para Ociotecas para abrir máis horas e axudar na conciliación familiar. Ademais, mantense a partida de Axuda no Fogar e a de subvencións a asociacións sociais. E diminúe a partida de Centros de día grazas ás baixas na adxudicación pero atendendo máis xente porque conseguimos máis prazas.

“Conseguimos manter o importante esforzo que fai o Concello e todos os lucenses no gasto social que suma unha cantidade aproximada de 7,5 millóns de euros”, salientou o Alcalde.

Emprego e economía

López Orozco destacou como segundo gran eixo do proxecto de Orzamentos o Emprego. Explicou que se mantén o investimento e detallou que “aspiramos a máis fondos europeos da nova programación que sairá en 2014, por exemplo no proxecto Smart City que presentamos no 2013 e conseguimos moi boa puntuación no documento de valoración do Ministerio, e tamén confiamos en renovar as achegas para programas que temos nestes anos: Lugoquálitas (bolsas formación extranxeiro), Oficina Europe-Direct, Muralla Dixital, Cooperativismo e Escola-Obradoiro) e continuamos coa execución de Lugo Emprego Activo 2 (555 beneficiarios)” e lembrou que “nestes programas todos os participantes disfrutan dunha beca”.

Asimesmo para o 2014 continúase co programa de emprego financiado  exclusivamente con fondos do Concello que supón uns 30 contratos para a realización de obras, coidado de xardíns, arranxos en colexios e instalacións deportivas e na zona rural.

Outras liñas para a Promoción económica que detallou o Alcalde son o apoio a Autónomos e Pemes, nas que “mantemos as axudas a empresas con 220.000 euros aínda que en 2014 diminúe o investimento total do Urban porque comeza a súa última etapa (acaba 2015)”.

Engadiu que “adicamos tamén unha partida a investigación en colaboración coa Universidade, 192.000 euros para o Convenio co Rof Codina para ampliación do Hospital Veterinario.

Melloras na calidade de vida

López Orozco referiuse en terceiro lugar a outras novas partidas dirixidas a mellorar a calidade de vida dos lucenses como son o investimento de 175.000 euros para a posta en marcha da Biblioteca da Piringalla, 100.000 euros para ampliación dos horarios de apertura das novas instalacións museísticas como a Domus do Mitreo, 210.000 euros máis para mantemento rede de suministro e saneamento de auga e 60.000 para o programa Rebicíclate.

No capítulo de obras e novos investimentos o Alcalde destacou como novidade importante que “optamos por financialas exclusivamente con presuposto municipal para asegurar que se van levar a cabo e non correr o risco de que non se poidan executar porque non recibimos as transferencias previstas como sucedeu neste exercizo, como por exemplo co saneamento rural”.

“As obras presupostadas para 2014 quedan garantidas porque se executarán só con presuposto municipal e propoñemos para elo contraer un préstamo por importe de 5,4 millóns euros”, anunciou López Orozco.

En todo caso, ese préstamo non vai incrementar a débeda financieira dado que está previsto amortizar créditos antigos por importe de 5,8 millóns de euros.

“Polo tanto, a débeda seguirá a tendencia á baixa”, salientou o Alcalde.

Outra novidade destacada neste capítulo á que fixo referencia é que “a planificación de obras farase con moita participación porque non queremos que decida só o Goberno senón contar con todos os grupos da Corporación e co tecido veciñal”.

O presuposto para Obras e Investimentos medra un 147%, “1,4 millóns euros que se decidirán por consenso”, anunciou López Orozco que fixo mención ás partidas máis destacadas:

-Para seguridade vial, melloras tráfico e sinalización, 267.000 euros
-Bombeiros e Protección Civil 305.000 euros
-Urban: 2 millóns para Praza e o Mercado de Abastos e o seu contorno e o edificio de Novas Tecnoloxías
-Expropiacións do Carmen 1,5 millóns
-Obras de saneamento en colaboración con Acuanorte 1,6 millóns
-Iluminación urbana e rural 225.000
-Parques e xardíns 105.000
-Instalacións deportivas 60.000
-Zona rural 700.000 (exclusivamente con fondos municipais)

Negativo: suba da luz, lixo e IVE

“Se hai algunha mala noticia nos Orzamentos, son as que veñen de Santiago e Madrid, xa que o Concello sofre o mesmo que calquera contribuínte, unhas subas escandalosas da luz, case 800.000 euros máis, do lixo e do IVE”, concluiu o Alcalde.

López Orozco rematou explicando que “esto foi o que lles presentamos esta mañá ós Grupos políticos e que levaremos a aprobación da Xunta de Goberno e a Pleno, abertos a diálogo e a acordo. Cremos que é posible chegar a acordos, porque son uns Orzamentos realistas, que cuidan ós lucenses que máis o necesitan e, ó mesmo tempo, se preocupan  dos problemas máis serios que teñen os lucenses: o emprego e a mellora constante da cidade e da zona rural”.

O propósito do Goberno local é abrir unha negociación cos Grupos políticos do BNG e o Partido Popular para levalos ó Pleno municipal do día 30. Neste sentido, López Orozco declarou que “estamos abertos a aqueles cambios que beneficien os Orzamentos, que leven a un consenso e acordo, entendendo por acordo o entendemento de todas as partes”
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova