Imprimir

A COMISIÓN MUNICIPAL QUE INVESTIGOU O FUNCIONAMENTO DO CENTRO DE DÍA ANTONIO GANDOY COMPROBA QUE O SEU FUNCIONAMENTO É ABSOLUTAMENTE CORRECTO


27/12/2013 A investigación desmontou a estratexia do Partido Popular, empeñado en cuestionar o traballo dos Servizos Sociais do Concello

A Comisión de investigación rematou hoxe os seus traballos e serviu para demostrar que os usuarios están ben atendidos



O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, deu conta hoxe da finalización dos traballos da Comisión especial de investigación creada para analizar o funcionamento do Centro de día Antonio Gandoi.

Trala investigación realizada por esta Comisión municipal “quedou demostrado que o funcionamento do Centro de día Antonio Gandoy é absolutamente correcto e que,  en ningún momento, houbo ningún problema que lle afectara aos usuarios pese a que a intención do PP era poñer en cuestión o funcionamento dos Servizos Sociais, un servizo público que é extremadamente sensible”, explicou o Voceiro do Goberno local. Álvarez engadiu que “elo non obsta para que éste, como calquera outro servizo publico, sexa susceptible de mellorar no seu funcionamento no plano estritamente administrativo”.

A Comisión tamén serviu para demostrar que éste “é un Concello transparente, que encende as luces e abre as portas para que toda a Corporación, non só o Goberno senón tamén a oposición acceda a toda canta información necesite”, destacou Luis Álvarez, e lembrou que “de feito, este Concello aprobou hai dous meses unha guía de boas prácticas coa finalidade de mellorar o funcionamento de todas as concesións municipais”. 

Destacou tamén o Voceiro do Goberno local que “a Comisión deixou en evidencia, por se alguén tiña dúbidas, ó Partido Popular de Lugo e o seu xeito de entender a política, que se especializouse na inmundicia e por este camiño van encontrar o que buscan: acabarán convertidos nun partido residual”. 

Luis Álvarez chamou a atención, ademais, sobre o feito de que o Goberno local non fixo ningunha declaración ata hoxe, porque ata hoxe non rematou o seu traballo a Comisión de investigación. Pola contra, o PP, pese a ter advertencia do deber de gardar sixilo sobre o contido das reunións, non parou de facer declaracións e chegou ó punto de convocar onte á prensa un día antes de que se reunira a Comisión para elaborar as súas conclusións, o que proba que o PP xa tiña feitas de antemán e a marxe da Comisión as súas conclusións.