Imprimir

O CONCELLO DE LUGO APROBOU UNHA INVERSIÓN DE MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS PARA DIFERENTES PROXECTOS TANTO NA ZONA URBANA COMO NO RURAL


30/12/2013 Luis Álvarez tamén informou que na Xunta de Goberno Local extraordinaria se aprobou a contratación de profesores para a 2º fase do programa Lugo Emprego Activo 2 que permite a formación de máis de 100 desempregados

Alguna das obras aprobadas son a reforma do mercado de Quiroga Ballesteros, a repavimentación da Avenida de Fontiñas, o acceso á parroquia de Muxa, ou a recuperación da calella do Hospital e carril do Son

O Voceiro do Goberno Local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, informou dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Extraordinaria celebrada esta mañá  e do que destacan dez obras de melloras que afectan tanto á zona urbana como á zona rural e que contan cun presuposto de máis de 2 millóns de euros.

Así, aprobouse a contratación da obra de reforma do mercado municipal de Quiroga Ballesteros, e co que se pretende a recuperación e revitalización urbana deste espazo e no que se levarán a cabo obras de adaptación e modernización adaptándoas aos novos usos. Así, fomentarase non só o comercio tradicional senón tamén esa zona da cidade e ábrense as perspectivas de atraer novos clientes. O presuposto da obra é de 487.295,48 euros e terán un prazo máximo de desenvolvemento de 4 meses.

Tamén se aprobou a contratación das obras de rehabilitación do espazo urbano de Calella do Hospital e Carril do Son cun orzamento máximo de 425.561,03 euros nos que se humanizará este espazo e levarase a cabo unha rehabilitación dos sistemas de saneamento, pavimentación e iluminación. O prazo de realización do proxecto é de sete meses. Ambas obras contan co financiamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2007-2013.

Lugo Emprego Activo 2

Outro dos puntos aprobados na Xunta de Goberno Local extraordinaria foi a contratación da docencia especializada en impresión dixital para a realización do programa de fomento de emprego Lugo Emprego Activo 2 cofinanciado nun 80% pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo, e cun orzamento de 74.250 euros dos que 11.200 euros corresponden ao itinerario de impresión dixital.

Luis Álvarez destacou que “o Goberno Local aposta polas políticas activas de emrpego aínda que non ten competencias, pero é preocupante a pasividade da Xunta de Feijoo”  lembrando que “conseguimos financiación europea para a execución dos programas grazas á excelente valoración que fan en Europa dos nosos proxectos”.

Os 105 participantes foron seleccionados a través da Oficina de Emprego da Xunta de Galicia entre desempregados do municipio de Lugo e vanse levar a cabo 7 itinerarios de emprego e formación en profesións que teñen boas perspectivas profesionais de futuro como son a atención sociosanitaria a persoas no domicilio, impresión dixital, coidador de persoas dependentes e enfermas de alzheimer, operacións básicas de catering, acabado de carpinteria e moble, operacións básicas de restaurante e bar e operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas.

Esta licitación ten como peculiaridade que por primeira vez o Concello inclúe nun procedemento de licitación a reserva da participación para centros especiais de emprego (empresas integradas polo menos nun 70% de traballadores con discapacidade) na acción de impresión dixital. Damos así cumprimento a un compromiso á petición das asociacións que traballan pola inserción laboral das persoas con discapacidade.

Mellora de infraestruturas

O Voceiro do Goberno Local tamén informou da contratación de obras de mellora en diferentes zonas da cidade e do rural por valor de 1.034.355 euros. Entre elas destacan as obras de rexeneración de pavimento e renovación de servizos na Ronda das Fontiñas, no tramo que comprende entre o carril de Caiños e a Rúa San Xillao que terá un prazo de execución de 6 meses e suporá unha renovación do firme e das redes de saneamento. Ao mesmo tempo tamén se aprobou a contratación da obra de reparación do pavimento na Ronda da Muralla.

Ademais tamén se aprobaron os proxectos de mellora da rede de saneamento nas rúas Monte Adairo e Monte Pia Paxaro, a rexeneración de pavimento na rúa Mazaira e na parroquia de San Salvador de Muxa e na rúa Vella da Ponte

Luis Álvarez tamén informou que o martes 31 de decembro se celebra unha Xunta de Goberno Extraordinaria para a aprobación das obras de mellora de acceso ao núcleo de Carballido-As Regas.