Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

López Orozco amosa o seu apoio á reivindicación de carga de traballo para Navantia no acto oficial da festividade de San Xiao celebrado no Ferrol


# Martes, 07/01/2014
O Alcalde encabezou a representación de Lugo nos actos organizados polo Concello de Ferrol nos que se renovou o irmandamento das dúas cidades

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Os dous Alcaldes tamén tiveron un recordo para a familia dos desaparecidos na costa de Valdoviño


Os Alcaldes de Lugo, José López Orozco, e do Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiron este martes o acto institucional organizado polo Concello de Ferrol con motivo da festividade de San Xiao, no que as dúas cidades renovaron o seu irmandamento.

López Orozco encabezou a delegación do Concello de Lugo da que tamén formaron parte os Concelleiros de Infraestruturas e Zona Rural, Manuel Chaín, e de Servizos Sociais, Ana González Abelleira.

O acto tivo lugar esta mañá no Teatro Jofre da cidade ferrolá e nel foron entregadas as distincións de Ferrolán do Ano, que, nesta edición, foille concedida á Universidade da Coruña e recolleuna o Reitor Xosé Lois Armesto, así como as Insignias de Ouro do Ferrol, que lle foron entregadas polos dous rexedores á Agrupación Artística Ferrolá Bohemios, e a Luis Mera Naveiras, Jose Manuel Couce Fraguela e Ramón Loureiro (de maneira conxunta) e Juan María Abeledo Romeo “Kowabunga”, a título póstumo.

O acto servíu tamén, como vén sendo tradición dende hai anos, para conmemorar o irmandamento da nosa cidade coa de Ferrol e as dúas Corporacións renovaron os lazos que dende o século pasado unen a estas dúas urbes galegas. Un concerto da Banda Ferrolá de Música e a degustación do tradicional arroz con leite poñían o broche a unha xornada matutina que terá continuidade xa pola tarde na Praza de Armas coa parte máis lúdica da programación: o reparto de 2.500 racións deste postre típico ferrolán e a actuación da orquestra Marbella.

Antes de facer entrega das distincións, pronunciaron senllos discursos os Alcaldes das dúas cidades que coincidiron en amosar a súa solidariedade co pobo de Valdoviño pola traxedia vivida onte pola tarde cando unha onda arrastrou a tres membros dunha mesma familia na costa de Meirás.

López Orozco e Rey Varela tamén fixeron votos porque neste ano 2014 se dea, por fin, unha solución á falla de carga de traballo para Navantia. O Alcalde de Lugo salientou que “Lugo apoia as reivindicacións de Ferrol, que son de xustiza por historia, polo bo facer do naval ferrolán e polas continúas promesas que se vos levan feito” e tamén reiterou o apoio a outra vella aspiración da cidade naval como é a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial.

“A 100 kilómetros e unha hora de distancia hai unha cidade que vos quere e que desexa para vós o mellor”, sinalou López Orozco.

Pola súa parte, Jose Manuel Rey Varela, lembraba que “conmemoramos San Xiao recoñecendo ás persoas e ás institucións que máis se teñen significado no ano que vén de rematar a través da concesión do Ferrolán do Ano e das Insignias de Ouro da cidade”. Aproveitou, asemade, para recordar que Ferrol estará  neste 2014 no panorama internacional ao acoller o Congreso de Turismo Industrial e o “Cruce de Camiños” da Unión Europea e referiuse tamén á crise do sector naval ferrolán. “Todos os que estamos hoxe aquí e aqueles aos que representamos desexamos que dunha vez por todas cheguen boas noticias para o sector naval que poñan fin a seis anos sen contratos”, aseguraba ao tempo que reclamaba unidade de acción. “Juntos debemos de reivindicar un trato justo de Madrid y Bruselas para nuestro naval”. “No valen ya las palabras - aseveraba o primeiro edil - los gobiernos de Madrid y Bruselas tienen que reconocer sus errores en su política industrial relacionada con el naval de los últimos 30 años”. “Seré el primero en criticarlo – insistiu - seré el primero en exigirlo, porque cuento para ello con la confianza de los ferrolanos No puede haber ni un día de descanso mientras las promesas que se hicieron no se conviertan en realidad”.

Rey Varela tamén agradeceu a López Orozco e ós membros da Corporación lucense a súa presenza no Día Grande de Ferrol “Hoxe reverdecemos a nosa irmandade con Lugo – declarou – Benquerido alcalde e membros da Corporación Municipal de Lugo grazas por estar hoxe aquí, festexando con nós o San Xiao e homenaxeando aos ferroláns máis destacados do ano 2013”.

Posteriormente e como vén sendo habitual, os dous Alcaldes intercambiaron obsequios institucionais.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova