Cargando....
Concello de Lugo
07/12/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Ana González Abelleira defende a seguridade da Casa Domótica que pon en dúbida de xeito irresponsable o Partido Popular


# Sábado, 11/01/2014
Os técnicos garanten as condicións de habitabilidade e seguridade das vivendas accesibles que o Concello cede a persoas dependentes

A Concelleira de Benestar Social denuncia que o PP pretende desacreditar os Servizos Sociais do Concello para disimular que o seu partido está a dinamitar o Estado de Benestar


A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, censurou hoxe a estratexia de Jaime Castiñeira e o seu Grupo político de cuestionar sistemáticamente e de xeito irresponsable o funcionamento dos Servizos Socias, nun intento inútil de ocultar que o Partido Popular está a dinamitar o Estado de Benestar en Galicia e en España.

González Abelleira desmentiu as falsas e alarmistas declaracións do Partido Popular sobre a Casa Domótica e considerou escandaloso que “o partido que desmantela as axudas á dependencia, o partido que implanta o repago nos servizos sociais e na sanidade, que acaba coas becas e mesmo quere acabar coa liberdade de decisión das mulleres prohibindo o aborto teña a desvergonza de chegar a dicir que no Concello de Lugo poñemos en risco a vida das persoas dependentes”.

Tamén indicou que “aproveitando a súa condición de Concelleiros, só foron a esas vivendas a cotillear xa que en ningún momento se tomaron a molestia de tomar en consideración ou preguntar ós técnicos muncipais”.

A Concelleira de Benestar Social destacou que nin os usuarios das vivendas accesibles nin os técnicos do Concello detectaron a existencia de ningún risco ou problema de seguridade ós que se referiu o PP que, unha vez máis, ven poñer en dúbida así o traballo dos técnicos municipais, que avalan o cumprimento de toda a normativa de seguridade destas vivendas.

González Abelleira salientou que nas vivendas da Casa Domótica non hai ningún problema distinto dos que poden producirse polo uso cotiá de calquera vivenda  e, cando se rexistra algunha incidencia deste tipo os técnicos do Concello fanse cargo da súa reparación.



Un informe técnico desmonta as patrañas do PP

O informe técnico realizado por encargo da Concelleira de Benestar Social destaca que “a instalación de fontanería realizada na edificación é de polipropileno, de uso normal na  actualidade na construcción de edificios. O feito aludido de "frecuentes roturas na tuberia central de augas" foi, en realidade, un único incidente de separación na brida de axuste do enlace entre dous tubos independentes, averia que foi resolta coa correspondente reparación efectuada. O teito "descorchado" ou afectado pola humidade debe ser reparado en canto cese a afección por humidade no mesmo”.

Sinala tamén que “o cuarto técnico achegado é independente do cuarto de contadores, tal e como obriga a normativa vixente, e o mesmo a edificación no que se atopa que dispón das pertinentes medidas de protección contra contacto eléctrico que sinala a normativa específica”.

Respecto da inexistencia de zócalo na encimeira da cociña, que é móbil precisamente para facilitar a accesibilidade das instalacións, o informe explica que “a carencia de zócalo presente na encimeira  móbil da cociña, ten un dobre motivo, un deles por seguridade para evitar atrapamentos no bordo en contacto co paramento nas operacións de elevación e descenso da encimeira, e outro por mellor limpeza do elemento” e tamén explica que “as salpicaduras que se poidan producir á parte traseira do fregadoiro só poderán afectar a elementos de evacuación de augas, non a elementos eléctricos que non se dispuxeron nesa área, en cumprimento das normativas específicas. As condensacións, de existir nesta área, poden producirse na parte do paramento alicatado existente sobre a encimeira ao producirse gases e vapores na cocción dos alimentos, e estes non se producirían cara á parte inferior da encimeira, a non ser que se coloque a pota con líquidos en ebulición na parte inferior dela, extremo pouco probable”.

Sobre a inslatación eléctrica sinala que “a instalación eléctrica interior das vivendas, en cumprimento da normativa vixente, dispón das pertinentes proteccións ante eventuais contactos eléctricos” e engade que o "cableado ou sistema de cableado que está no aire" pode referirse ao sistema de evacuación flexible de aguas procedentes do fregadoiro ubicado na encimeira móbil, que por aspecto exterior nunha apreciación superficial pode resultar análogo a un tubo corrugado eléctrico”.

A maiores, o informe destaca que “o edificio foi concebido dende un primeiro momento tendo en conta as necesidades e requirimentos manifestados polos colectivos, e adaptándose no posible aos requirimentos manifestados polos seus inquilinos, tendo en conta sempre o cumprimento da normativa vixente. A altura do antepeito das ventás, impide efectivamente a unha persoa en cadeira de rodas o feito de colgar a roupa no patio tendal interior do edificio, pero por motivos de seguridade ante caídas accidentais, só é posible realizar o tendido da roupa as persoas con mobilidade reducida que podan realizar tal acto de xeito erguido, como ocorre con algún dos inquilinos do presente edificio. Para solventar tal incidencia, dispúxose no deseño interior dun amplo tendedeiro ventilable no que se poda secar a roupa polos diferentes métodos alternativos existentes, tal como tendais de teito accionables, secadoras, ou tendais apoiados no solo”.

Ademais explica que “a disposición dunha lavadora no lateral dun inodoro obedece a unha petición específica dun dos inquilinos do edificio”.

Aclara tamén aclara que “os elementos de ducha e de apoio para realizar a transición ao inodoro, foron colocados a petición dos inquilinos de xeito posterior ao remate das obras para adaptarse na medida do posible as necesidades de cada persoa” e engade que “a existencia de paramentos de tabiqueria seca, comunmente denominados "de pladur" non presupón necesariamente que non se poidan ubicar neles barras de transferencia, asideiros ou outros elementos”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova