Imprimir

O CONCELLO DENUNCIA O OSCURANTISMO DO IGVS NA ADXUDICACIÓN DE LOCAIS DA TINERÍA COS QUE TENTA FACER NEGOCIO


15/1/2014 Luis Álvarez expresa a preocupación do Goberno local polo futuro de servizos como atención domiciliaria, centros de día ou garderías, que non poderán xestionar os concellos

O Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez, criticou hoxe que o Instituto Galego da Vivenda e Solo trate de facer negocio cos locais da Tinería no lugar de empregalos para axudar a dinamizar a zona cumprindo por fin a promesa do PP de usalos para poñer en marcha o comprometido proxecto do barrio dos artesáns.

Luis Álvarez lembrou que a negativa do IGVS a aceptar a proposta de colaboración do Concello para poñer en marcha un plan conxunto que axudara a darlle uso como centros de traballo ós locais da Tinería provocou que só a metade dos doce que sacou a licitación foran adxudicados e algúns deles non van xenerarán ningunha actividade económica na zona. 

De feito os doce locais foron licitados como “locais de negocio” pero un deles foi adxudicado para facer funcións de almacén e outro para reunións dunha asociación. 

“É evidente que a única vontade da Xunta é un fin lucrativo, pretenden facer negocio non pretenden facer cidade”, destacou Luis Álvarez que tamén censurou o oscurantismo mantido polo IGVS na adxudicación dos locais, que se produciu o día 23 de decembro e á que non se lle deu difusión pública a través dos medios de comunicación.

Este secretismo contrasta coa “difusión a bombo e platillo doutras iniciativas como a recente posta en funcionamento parcial dun servizo moi demandada pola cidadanía de Lugo” como é o servizo de Hemodinámica no HULA, acto que tentou rendibilizar o Voceiro do PP no Concello, Jaime Castiñeira. 

Álvarez ironizou respecto da presenza destacada de Castiñeira no acto do Hospital dando un aviso público ós cidadáns, ós que advertiu de que “nesta foto hai un que non é médico, supoño que non se atrevería a emitir ningún ditame médico, pero saiban que éste que aparece permanentemente sorrinte nas fotografías non é médico”.



A lei pon en perigo os servizos que son competencia da Xunta

Luis Álvarez tamén expresou a preocupación do Concello de Lugo polas consecuencias que terá a nova lei de administracións locais na calidade de vida dos cidadáns.

“O Goberno local está moi preocupado polo desenvolvemento da lei, é unha lei mala que sementa incertidumes en temas como a xestión de servizos de garderías, centros de día ou a atención domiciliaria”, xa que impide ós concellos xestionar estas competencias impropias se non son delegadas pola Comunidade Autónoma coa financiación correspondente, explicou Álvarez. 

O Voceiro do Goberno local instou á Xunta “a desenvolver coa máxima celeridade a normativa específica que resolva esta incertidume en Galicia” e sinalou o seu temor a que non se produza esa delegación de competencias acompañada da obrigada financiación. 

“Moito nos tememos que, aproveiten a excusa permanente da  insuficiencia económica, esas competencias non se deleguen e teñan que deixar de prestarse os servizos”, advertiu Luis Álvarez quen considerou que “é unha situación moi preocupante”.

En todo caso, declarou que a vontade do Concello de Lugo é darlle continuidade a todos os servizos que presta ós cidadáns para que os lucenses sigan a contar cuns estándares dignos de calidade de vida.

“Quero deixar claro o compromiso do Goberno municipal co servizo que se lle dá a cidadanía e queremos garantir que eses servizos se van seguir prestando, pero estamos preocupados pola limitación que establece a lei ós concellos”, salientou Luis Álvarez. 

Campaña de compostaxe

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente destacou a boa acollida que está a ter a campaña de fomento da compostaxe que vén de poñer en marcha o Concello en colaboración con Sogama.

Dende o luns xa se presentaron vinte solicitudes para tomar parte neste proxecto no que se poderán facer as inscricións ata finais deste mes. 

Luis Álvarez anunciou que ante a demanda que está a ter a campaña de compostaxe, a Concellería de Medio Ambiente ten previsto ampliala tamén a entidades que amosaron interese en participar nela como poden ser centros escolares e asociacións de veciños. 
 
Acordos da Xunta de Goberno Local

Tocante ós acordos da Xunta de Goberno Local, o Voceiro do Goberno local destacou a licitación da subministración de emulsión bituminosa para o mantemento de toda a rede de camiños municipais e o visto bó para a licencia dun Centro comercial na rúa Orquídea.

O Goberno local aprobou a licitación da subministración de emulsión bituminosa mediante acordo marco con procedemento aberto. O presuposto máximo previsto é de 70.000 euros. O prezo máximo por tonelada fíxase en 470 euros e estímase a subministración de 148,72 toneladas para a primeira anualidade.
A vixencia do contrato será dun ano prorrogable a dous máis.

Ademais, acordouse autorizar a modificación da licenza para a construcción dun centro comercial na rúa Orquídea, unha vez feitos os cambios requeridos e logo de obter o visto e prace da Xunta.